
O Concello de Vilagarcía está a informar dunha nova edición da súa iniciativa Tecnoverán [3], unha proposta que, como se indica no seu nome, vai dirixida a facer confluír dous mundos, o das novas tecnoloxías da información e o lecer estival, para tirar proveito do mellor de cada un deles. Tecnoverán 2017 vén novamente da man da Concellería de Xuventude e trátase, nas súas palabras, “dunha proposta formativa na que os 20 mozos e mozas participantes poderán adquirir coñecementos sobre as novas tecnoloxías” e, máis polo miúdo, sobre cousas como realidade virtual, programación, aplicacións móbiles e modelado en 3D.
O obradoiro desenvolverase do 10 ao 14 de xullo en horario de mañá na aula CeMIT do Centro de Formación de Matosinhos. A participación é de balde e a preinscrición xa se pode realizar a través dunha ligazón específica habilitada pola Concellería e a aula CeMIT [4].
O obxectivo concreto de Tecnoverán é “seguir incidindo na formación da mocidade, tanto a efectos profesionais e laborais, como no que atinxe á súa necesidade de estar ao tanto das innovacións que están a disposición de todo o mundo e que son esenciais para numerosas facetas da nosa vida cotiá”. O colectivo O Núcleo será o encargado de impartir o obradoiro, igual que na anterior edición do mesmo, en 2016, e seguindo a folla de ruta marcada daquela: unha metodoloxía lúdica que busca tirar partido das técnicas de videoxogo para facilitar a aprendizaxe (gamificación). O fío condutor que se vai a seguir este ano será o da película Metrópolis.
O único requisito para poder participar no Tecnoverán é ter entre 14 e 18 anos e estar empadroado en Vilagarcía, explica o Concello, engadindo que “non é preciso contar con coñecementos previos sobre os temas a abordar”. O prazo de inscricións remata o 30 de xuño. Os aspirantes que cumpran os requisitos serán avisados para que formalicen a inscrición definitiva.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7030.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.vilagarcia.es/novas/rtdo2.asp?idnoticia=9602
[4] https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdHgHiCmBQRY5wjXlK7FAd78rkRJ6nsFs4NFlZat36NFFanKA/viewform