
Aínda que o seu concepto pode parecer sinxelo, a creación de produtos innovadores supón todo un reto, e un destes proxectos que leva anos xestándose con grande atención por parte do colectivo de persoas con deficiencias visuais severas ve por fin os seus froitos e para o mes que vén chegará ás tendas británicas Dot, un smartwatch cunha pantalla Braille [3], de xeito que non está baseado só en información sonora como outros produtos para superar os problemas de visión.
O Dot é un reloxo de pulso bastante tradicional, con esfera redonda e catro elementos con seis bolas cada un que permiten que o usuario poida ler de xeito táctil, contando tamén cun par de botóns laterais para poder realizar respostas simples e outras accións.
Esta creación chega dunha startup surcoreana que botou a andar en 2014, e tardaron tanto en facer o produto realidade ante as dificultades para conseguir que o reloxo sexa o suficientemente resistente para un produto de uso cotián, especialmente nas súas partes móbiles, xa que resultou moi complexo protexer eses elementos mantendo a súa funcionalidade táctil.
A compañía contou cuns 140.000 mecenas que apoiaron o seu proxecto, e polo momento confían en entregar 100.000 unidades durante 2017, e as 40.000 unidades restantes durante o ano que vén, de xeito que a súa comercialización en tendas será inicialmente anecdótica, pois limitarase a un milleiro de unidades que poderanse adquirir en Londres a un prezo de 320 dólares [4].
Durante 2018 tamén pretenden sacar ao mercado o Dot Pad, unha especie de lector electrónico tipo Kindle que están a desenvolver coa axuda de Google, que incluso amosará formas e imaxes a través de botóns táctiles, buscando resultar útil para usos educativos que vaian dende o ensino de matemáticas até de arte. O goberno de Quenia tamén chegou a un acordo para facerse con 8.000 unidades do Dot Mini, un lector Braille con finalidade educativa que custaría uns 200 dólares. En definitiva, que a compañía está a especializarse na creacións de solucións interactivas baseadas na escritura Braille, o que pode resultar de grande utilidade para millóns de persoas con eivas visuais.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_6708.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://dotincorp.com/
[4] http://mashable.com/2017/02/22/dot-smartwatch-retails/#5vb44FULoSq2