
Hai presenza galega entre os finalistas da XXII edición dos Premios Zapping [3]. Máis polo miúdo a da web Menores en Rede [4], posta en marcha polo animador sociocultural Jorge Castro. A entrega destes galardóns con sede en Catalunya celebrarase o vindeiro 16 de marzo en A CaixaForum de Barcelona. A páxina galega, máis en detalle, figura na listaxe final das tres mellores plataformas seleccionadas ao abeiro da categoría Mellor Iniciativa de Internet ou App dos Premios Zapping [5]. Estas tres finalistas foron elixidas polo propio público a través dunha rolda de votacións na que participaron un total de dez webs. Menores en Rede comparte recta final do galardón con The Capsuled e Tú decides en Internet.
A páxina galega, como lembraremos, arrancou a súa andaina en 2010 co obxectivo de guiar ás rapazas e aos rapaces no emprego das ferramentas dixitais. A canle, que nos seus comezos foi un blog e despois unha web, ten arestora unha firme vertente pedagóxica, centrándose en cousas como fornecer consellos para as persoas máis novas que navegan na Rede ou recursos de comportamento e metodoloxías para as nais, os pais e os docentes, facendo fincapé en axudar aos colectivos menos dixitalizados a encher posibles baleiros de información en relación ao uso da Internet e as redes sociais. Por temáticas máis concretas tócanse ámbitos como o emprego de etiquetas nas comunidades dixitais, o uso de imaxes con menores en Internet, a presenza de recursos na Rede para levarnos a sitios de malware ou os problemas derivados dun mal uso do Whatsapp a nivel escolar.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_6679.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/web-menores-rede-finalista-na-xxii-edicion-premios-zapping/20170210181348054842.html
[4] http://www.menoresenred.com/gl/
[5] http://www.premioszapping.org/