
Cultura e Educación avanzou onte detalles da ferramenta móbil específica para os nosos centros educativos sostidos con fondos públicos e orientada a permitir e facilitar o procedemento de admisión de alumnado. A través dela, as nais e pais que o desexen poderán cumprimentar e presentar as solicitudes para escolarizar aos seus fillos e fillas. Con esta aplicación, o departamento da Xunta quere garantir “o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial”. A nova orde pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de onte. [3]
O obxectivo desta nova ferramenta é “facilitar o procedemento de admisión tanto ás familias como aos centros de ensino”, e abranguendo xa o proceso ordinario que se inicia o 1 de marzo para o vindeiro curso.
Nun plano máis concreto, Admisionalumnado [4], que é o nome da ferramenta, vai posibilitar que as familias cubran a solicitude e marquen os criterios do baremo que queiran que lles valoren. Por outra banda, poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor asinante.
A aplicación atinxiría a familias con nenas e nenos en Educación Infantil, Primaria, Ensinanza Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.
No que respecta ás vantaxes para os centros de ensino, estes poderán xestionar e tramitar as solicitudes directamente a través da aplicación, “o que suporá simplificar a xestión administrativa que teñen que desenvolver no proceso”, sinala Educación.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_6594.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170201/AnuncioG0164-260117-0001_gl.html
[4] https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado