
Os nosos centros educativos seguen sumando éxitos en materia de innovación, enxeños e tecnoloxías. Se primeiro se falaba do recoñecemento obtido polo CEIP Laredo [3] (da man da Fundación El Bulli e a Fundación Telefónica), agora é a quenda de salientar os importantes logros obtidos polo IES de Brión, cuxa equipa Brión 2 resultou finalista no concurso Wisibilízalas da Universitat Pompeu-Fabra [4], xunto con outros tres equipos de colexios e institutos de todo o ámbito estatal. O certame, como o seu propio nome indica, foi convocado co obxectivo de “dar visibilidade ás mulleres que traballan no ámbito das TIC e potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”. O Concello de Brión [5] xa felicitou aos alumnos do IES que conseguiron chegar á final do concurso, cuxa resolución coñecerase o domingo 11 de febreiro na Universitat Pompeu Fabra.
O concurso, máis polo miúdo, consistía na creación dunha páxina web que describise a carreira de mulleres españolas contemporáneas que traballen no ámbito das novas tecnoloxías da información. O equipo brionés, composto por alumnado de TIC de primeiro curso de Bacharelato e de Educación Plástica, Visual e Audiovisual de cuarto da ESO, achegou dúas propostas: Mulleres tecnolóxicas e Mulleres TIC.
A representante do Concello encargada de felicitar aos estudantes foi a concelleira de Ensino, Yolanda Bouzas, quen tamén parabenizou ao profesorado do IES de Brión, “e non só por este este meritorio premio a nivel nacional, senón pola traxectoria que levan nos últimos meses acadando múltiples galardóns que demostran o gran nivel educativo que ten o noso instituto”. Ao fío disto, lembrou que hai uns días outros alumnos de segundo de Bacharelato foi premiado no concurso Na procura do talento dixital, organizado por Dico Summit 2017 [6].
Mulleres tecnolóxicas [7] é un proxecto colaborativo que busca coñecer e divulgar a mulleres contemporáneas españolas que son un referente nas TIC: Arantza Illarramendi Echave, Amparo Alonso Betanzos, Asunción Gómez Pérez, Lucía Chávarri Padilla, Marta Ibáñez Nobell e Nuria Oliver.
Pola súa banda, Mulleres TIC [8] recolle as figuras de Belén Masía, Begoña García, Rosa Monge, Sabela Ramos e Clara Bayarri.
Segundo nos lembra o Concello de Brión, ámbalas páxinas son o produto dun proxecto interdisciplinar con alumnado de diferentes niveis que “pretende visualizar ás mulleres nas TIC”, enmarcado no programa Rapazas emprendedoras nas TIC do Plan Proxecta.
Canda o IES de Brión, tamén foron seleccionados como finalistas os equipos Alceda people, do IES Vega de Torzanzo (Alceda - Cantabria); Wisibigors, do IES Gorgs (Cerdanyola del Vallés – Barcelona); e MaristasAlicante2, do Sagrado Corazón HH. Maristas (Alacante). O vindeiro 11 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, terá lugar a entrega de premios na Universitat Pompeu Fabra de Barcelona.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_6592.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://codigocero.com/As-fundacion-Bulli-e-Telefonica-reconecen-a-innovacion-educativa-do-CEIP-Laredo
[4] http://espazoweb.com/tecnoloxianarede/?p=1246
[5] http://www.concellodebrion.org/
[6] http://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/3076/dico-summit-2017-pecha-suas-portas-premiando-talento-dos-mais-novos
[7] http://espazoweb.com/mujerestecnologicas/
[8] http://espazoweb.com/mullerestic/