
A Fundación Vodafone España e o Concello de Baiona presentaron, o pasado venres 25 de novembro, os obradoiros formativos sobre o uso do Smartphone dirixido a maiores, que serán impartidos na devandita localidade por ATEGAL (Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos), durante os días 29 e 30 de novembro o primeiro deles e 13 e 14 de decembro o segundo. O obxectivo dos obradoiros será achegar ás persoas maiores os novos dispositivos móbiles intelixentes -smartphones e tablets- para diminuír a fenda dixital entre xeracións nas contornas rurais e para que os nosos maiores poidan acceder a novos camiños de oportunidades na mellora da súa calidade de vida.
A presentación foi realizada por, Mª Carmen Paredes, Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Comercio, Jesús Sueiro, Responsable de Administracións Públicas de Vodafone en Galicia, en representación da Fundación Vodafone España e a Directora Xerente de Ategal, Paula de Sande.
Segundo Jesús Sueiro “a aparición dos dispositivos móbiles avanzados, por unha banda, e a eclosión da banda ancha móbil, por outra, xeraron unha nova contorna de comunicación que as persoas maiores han de asimilar para poder beneficiarse de novos servizos que lles axudarán a vivir cunha maior autonomía persoal e independencia. De aí a importancia do obradoiro formativo, que formará a 30 maiores facilitándolles o acceso aos beneficios que proporcionan as novas tecnoloxías para potenciar e favorecer o envellecemento activo”.
Pola súa banda, Mª Carmen Paredes sinalou que os obradoiros “complementan a aposta realizada polo Concello de Baiona por incorporar as TIC no día a día, para favorecer o envellecemento activo e diminuír a vulnerabilidade no colectivo de persoas maiores”.
Para Paula de Sande, “os obradoiros son unha magnífica oportunidade para achegar as novas tecnoloxías aos maiores, especialmente do medio rural. O uso os dispositivos móbiles axuda aos maiores para incrementar a súa autoestima, conectividade social e seguridade mellorando, por tanto, a súa calidade de vida.”
Os maiores verán as enormes posibilidades que lles brindan os smartphones e as tablets en aspectos tales como seguridade, saúde, participación, acceder a internet e ao mundo que os rodea doutra maneira moito máis accesible e a aplicacións que poden usar segundo os seus gustos e preferencias, especialmente para o contacto con familiares e amigos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161130_img.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()