
As universidades galegas, a través da acción conxuntan dos seus servizos de normalización lingüística, veñen de pór en marcha un certame en liña de vídeos para impulsar a presenza do galego na Rede. Trátase do certame Youtubeir@s, no que colaboran tamén os concellos da Coruña, Ames, Baña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e o Grove. A idea, amais de fortalecer a vitalidade da nosa lingua na Internet (en xeral) e en YouTube (en particular) é facilitar o traballo en común e o intercambio de coñecemento e habilidades sobre calquera eido ou temática creativa. Ou sexa, cada vídeo autoproducido será en si mesmo unha fonte de información da que poderemos tirar proveito. O concurso foi dado a coñecer este martes no Colexio de San Xerome, en Santiago [3].
Participaron a vicerreitora de Servizos Universitarios, Carme Silva, a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, a concelleira de Cultura de Teo, María Pilar Pérez Faxil e o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña.
Segundo fixeron saber, Youtubeir@s, concurso de vídeos na rede [4] arrincará este xoves, e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Poderán presentarase persoas maiores de 14 anos que deberán formalizar a súa inscrición en liña. Os vídeos deberán ter unha duración aproximada de 5 minutos, estar licenciados en Creative Commons (licenza libre para podermos botar man de contidos e adaptalos ao tempo que recoñecemos a autoría orixinal), achegarse en galego e estar dispoñíbeis na rede social YouTube. Segundo engadiron, “quen optar ao concurso, poderá concorrer en dúas categorías: Vídeo-facermos (para videotitoriais que amosen como realizar calquera proceso, dende unha receita ata como instalar un programa informático), e Vídeo-opinarmos (para aquelas propostas que acheguen unha opinión ou valoración respecto de calquera tema)”.
Cada unha destas categorías premiarase cun premio en metálico de 1.000 euros e catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración do xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se desenvolverán de xeito parello ao concurso, estarán impartidas pola produtora Illa Bufarda.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161130_youtubeiros_ecb7.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2016_11/noticia_0162.html
[4] http://www.youtubeiras.gal/