
O Concello de Pontevedra vén de tirar proveito das redes sociais para visualizar a problemática da discriminación e o maltrato e atallala facendo fincapé na sensibilización entre as novas xeracións, e tamén entre as non tan novas. Esta campaña materializouse con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o venres 25, saldándose até o de agora con máis de 5.000 comentarios en Twitter e Facebook, máis de 1,5 millóns de contas acadadas e arredor de 4,2 millóns de impactos [3].
Segundo informa o Concello de Pontevedra, os datos tirados das redes sociais empregadas conclúen que o perfil maioritario das persoas acadadas coa campaña é o de mulleres entre os 24 e 45 anos. Estes datos corresponden aos sete primeiro días de andaina da iniciativa #PrimAcoso. Para o Concello, “os obxectivos están xa acadados”.
Segundo explicou hai uns días na presentación da campaña a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, a iniciativa arrincaba co fin de visualizar “a base da pirámide da violencia”, ou sexa “a longa listaxe de microacosos, pequenas agresións e leves humillacións” que ten que sufrir calquera muller, pertenza á cultura que pertenza e sexa da idade que sexa. A idea foi trasladar á poboación feminina (e tamén á masculina) a idea de que “todas as mulleres están no mesmo barco e que todas senten e sofren nalgún intre”. O terceiro obxectivo foi comprobar cal era a resposta da sociedade (dos homes e tamén das mulleres) fronte ao acto de valentía que supón que as mulleres compartan experiencias persoais de acoso, humillación, discriminación…
A concelleira de Igualdade, Carmen Fouces, engadiu entre outras as seguintes conclusións: “a importancia da reflexión que moitos e moitas fixeron arredor do debate xerado polas denuncias e comentarios en primeira persoa reflectidos nas redes” ou “a preocupación da violencia dos comentarios e respostas de certos homes e tamén mulleres fronte as denuncias do #PrimAcoso e a súa visualización”. Neste último senso, a concelleira lembrou que canta máis proxección social ou repercusión ten unha muller e unha campaña na que ela sexa protagonista, maior é a virulencia.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161129_concello_pone3aa.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.pontevedra.gal/2016/11/23/primacoso-o-berro-das-mulleres-nas-redes/