
Entre os días 23 e 25 de novembro vai celebrarse a I Semana Cultural Xaponesa en Galicia [3], con actividades en A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela que van dende exhibicións de judo, kendo e aikido, até charlas e obradoiros de cociña xaponesa, entre as que queremos destacar unha conferencia que terá lugar na sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) [4] sobre a estratexia robótica no Xapón.
A este encontro acudirá Kenji Hirata, ministro da embaixada do Xapón, quen estará acompañado por Celestino Álvarez, CEO de Adele Robots [5], quen presentará a Nüka [6], un exemplo de robótica asistencial que consiste nun robot con forma de bebé foca desenvolvido no Instituto Nacional de Ciencia e Tecnoloxía Industrial Avanzada do Xapón (AIST) e que ofrece uns beneficios semellantes aos da terapia animal suprimindo os riscos derivados desta.
O deseño do robot convérteno nunha criatura entrañable, indicada para ser utilizada en tratamentos con persoas con síntomas de demencia, persoas maiores, nenos hospitalizados ou persoas con algunha discapacidade psíquica, onde é preciso traballar a parte afectiva.
A conferencia está aberta ao público xeral, con entrada libre até completar aforo, e terá lugar o venres 25 ás 18:00 horas no salón de actos sito no terceiro andar do MUNCYT Coruña, dende onde tamén dan conta de que durante o sábado e o domingo desenvolverán obradoiros e diversas actividades sobre robótica dirixidas a toda a familia, o que facilitará que os visitantes coñezan a BeeBot, Primo, Dash, Kbot e mBot, creen videoxogos 3D con Kodu ou manexen un simulador de viaxe espacial no obradoiro de Kerbal.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161117_paro1jpg.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.facebook.com/EmbajadaJaponEspana/photos/a.466836983404819.1073741826.285282478226938/1170136769741500/
[4] http://www.muncyt.es/portal/site/MUNCYT/menuitem.8dbda8254659d9883c791a1801432ea0/?vgnextoid=0652011a9a178510VgnVCM1000001d04140aRCRD&vgnextchannel=9ec5e42baddea410VgnVCM1000001d04140aRCRD
[5] http://www.adelerobots.com/es/nuka/index.html
[6] http://www.parorobots.com/