
Onte daba comezo en Compostela [3] a I Semana da Cultura Libre [4], unha proposta levada a cabo polo Grupo de Cultura Libre de Matadoiro Compostela e coa participación de Mediación Cultural Matadoiro Compostela, MatadoiroTV e GPUL Santiago. A dita actividade inaugurábase en horario de 17 a 21 horas co Obradoiro de ferramentas libres para edición de vídeo e son. Na dita actividade tratáronse varios programas (todos software libre) para a creación audiovisual en contraposición ás ferramentas de software privativo para edición de vídeo, amais de tratar sobre as licenzas libres.
A I Semana da Cultura Libre seguirá co seu programa de actividades con dúas citas máis: este mércores 16 (19 horas) co Café GNU, un espazo para falar no que se debaterá calquera tema proposto no momento, sempre relacionado co software ou hardware libre. A Semana da Cultura Libre pechará o sábado 19 (de 12 a 18 horas) coa Install Party, na que quen queira poderá levar o seu vello ou novo computador e os colaboradores da Install Party axudarán a instalación de software libre.
Para aqueles que o descoñezan, dicir que Matadoiro Compostela é un espazo de intervención e autoxestión cidadán, un proceso aberto de traballo colaborativo organizado mediante grupos abertos e proxectos socio-tecnolóxicos-culturais que cooperan para desenvolver un proxecto propio e común. Máis polo miúdo, o Grupo de Cultura Libre xorde coa vontade de abranguer temas como: que tipo de licenza se pode aplicar aos traballos realizados; que tipo de ferramentas se empregan neste proxecto; promoción do concepto do software libre e fomento do seu uso; programación para estándares abertos como filosofía de desenvolvemento e promoción dos mesmos; programación e desenvolvemento de programas libres; achegamento do software libre á sociedade en xeral; fomentar o uso de redes de comunicación (Internet) como medio axeitado de comunicación entre programadores para o desenvolvemento de programas informáticos e promover a realización de todo tipo de actividades encamiñadas a cubrir as necesidades dos asociados, así como dirixilas a achegar recursos para cumprir cos fins fundacionais.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161116_culturalibre429e.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.mancomun.gal/no_cache/actualidade/novas/detalledenova/nova/i-semana-da-cultura-libre-en-santiago-de-compostela/
[4] http://www.matadoirocompostela.com/blog/2016/11/02/i-semana-da-cultura-libre/