
Existen estereotipos de xénero á hora de elixir unha carreira universitaria? Por desgraza si, así o demostran as matrículas universitarias, que reflicten que aínda hai profesións masculinizadas e viceversa. Para falar sobre este tema, reuníanse onte na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo varias expertas e expertos nunha xornada titulada A muller tecnóloga na Universidade [3], unha iniciativa organizada polo grupo de investigación AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal. Entre os asistentes estaba Fátima Otero, investigadora deste grupo e impulsora da xornada que xorde parella ao desenvolvemento dun proxecto piloto sobre o emprendemento da muller tecnóloga no rural.
A finalidade deste encontro era fomentar a visibilidade do papel e do traballo da muller con formación tecnolóxica e científica no eido académico, investigador e empresarial. As participantes deste encontro coincidiron en salientar a necesidade de crear referentes femininos nestes eidos para promover as vocacións entre as estudantes de ensino secundario. Para facérmonos unha idea da magnitude do problema: a porcentaxe de alumnas na Universidade de Vigo é do 51%, no eido tecnolóxico redúcese ao 23% e na Enxeñaría Informática limítase ao 17%.Unha das relatoras da xornada, Milagros Sáinz (directora do Grupo de Investigación Xénero e TIC da Universitat Oberta de Catalunya) indicaba que a presenza de mulleres nos ámbitos tecnolóxicos é baixa, particularmente na Informática (14%). Tamén son eidos con moi pouca presenza feminina as Telecomunicacións, a Enxeñaría Electrónica ou a Enxeñaría de Minas; mentres a Enxeñaría forestal está arredor do 32% ou a Enxeñaría Química que está case equiparada. O apartado das ciencias ten a menor presenza de mulleres e as matemáticas e a física están fortemente masculinizadas. Pola contra, bioloxía ou medicina son xa titulacións feminizadas (máis do 70%).
Outro aspecto que inflúe neste senso é a falta de referentes femininos entre o profesorado de secundaria, xa que os docentes das materias relacionadas coa tecnoloxía son maioritariamente homes (95%). O mesmo acontece na educación formal, con pouca presenza feminina salientada nos libros de texto, o que se traduce na invisibilización de mulleres e das súas contribucións aos ámbitos tecnolóxicos. A xornada da EE de Telecomunicación completouse cun relatorio de Carmen Iglesias Escudero (directora xeral do Centro Tecnolóxico EnergyLab) e coa presentación de casos profesionais e académicos por mulleres tecnólogas na que participaron Beatriz Novoa (científica do Instituto de Investigacións Mariñas), Coral del Río (catedrática do Departamento de Economía Aplicada) e Ana Mª Ulla (profesora da Área de Astronomía e Astrofísica), ambas da Universidade de Vigo.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161110_uvigo_xornad4d3b.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://duvi.uvigo.es/index.php?option=com_content&task=view&id=12037&Itemid=12