
A Concellería de Ensino do Concello de Ponteareas [3] vén de informar do comezo dun curso sobre retoque fotográfico para nais e pais de alumnado local. A esta actividade formativa, que se desenvolve dende o 2 de novembro (até o 23) na Aula CeMIT [4] (Centro Social da rúa Oriente) cómpre sumar outro obradoiro sobre aplicacións de Google, a celebrar no mesmo espazo de divulgación e dinamización tecnolóxica. Este curso sobre ferramentas de Google comezará o mércores 30 de novembro, seguirá o 14 e rematará o 21 de decembro.
A primeira das achegas formativas tenta achegar aos participantes ao retoque fotográfico con actividades como a creación dun logotipo, dun fondo de pantalla e dunha fotomontaxe, técnicas de enfoque e desenfoque e metodoloxías para a coloración ou para aplicación de filtros básicos, entre outros temas. Ao remate entregarase un diploma da Xunta de Galicia que certifica o tipo de curso e número de horas realizadas e que servirá para ampliar o currículo das persoas que accedan ao mesmo. Segundo fixo saber na inauguración do primeiro obradoiro a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, “esta é unha boa oportunidade para actualizar os coñecementos informáticos, que poden servir para uso persoal e incluso poder ampliar os currículos das persoas que realizan o curso de cara a poder entrar no mundo laboral”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161107_google_aplic5319.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://concellodeponteareas.org/portal/
[4] https://cemit.xunta.gal/es/centro/59