Santiago de Compostela,
25/10/16 (08:12)
En consonancia coa era dixital, os hábitos de lectura das persoas cegas ou con discapacidade visual grave fóronse adaptando, de tal modo que hoxe en día a maioría delas acceden aos libros a través da tecnoloxía (PC, reprodutores de audio e braille, teléfono móbil, tablets...).
Desta maneira, o número de usuarios rexistrados á BDO ascende a preto de 9.000 persoas, entre as que se produce un gran volume de accesos e descargas. No último ano executáronse máis de 176.000 descargas.
Ademais dos métodos tradicionais de reprodución de libros, as persoas con cegueira teñen á súa disposición a aplicación GOLD (Xestor ONCE de Libros Dixitais), desenvolvida polo Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica (CIDAT) para dispositivos móbiles, que permite a descarga e reprodución de libros dixitais en formato Daisy (audio dixital accesible) da Biblioteca Dixital da ONCE (BDO).
Á marxe da Biblioteca Dixital, onde se xera o maior volume de movementos, a ONCE, a través do seu Servizo Bibliográfico, tamén dispón dunha oferta de préstamo directo de títulos en formato braille e en Daisy, previamente gravados en disco.
Fomento da lectura
A ONCE sempre prestou un especial interese ao acceso das persoas cegas e con discapacidade visual á cultura e a comunicación a través da lectura, como vía necesaria na súa plena integración.
Para dar resposta a esta necesidade, a Organización conta cun servizo especializado que se encarga de adaptar en braille, en relevo e en audio dixital accesible (Daisy), obras literarias, textos educativos e para o emprego, material gráfico, señalética, etc., priorizando sempre a adaptación con finalidade educativa e laboral, o interese da obra e a demanda dos seus afiliados. O centro responsable da súa coordinación é o Servizo Bibliográfico da ONCE (SBO), que conta con dúas sedes, unha en Madrid e outra en Barcelona, entre as que se recibe máis do 60% de solicitudes de adaptación bibliográfica.
Tema: Xeral
Fonte:
Discapnet