
Seis colexios de Compostela participaron estas últimas semanas no programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ [3], organizada pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC e na que colabora co Concello de Santiago. A actividade ten como finalidade visibilizar as enxeñeiras e científicas para crear referentes femininos e incentivar a presenza de rapazas en carreiras relacionadas coas disciplinas coñecidas como STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).
Este venres desenvolveuse no CEIP Pío XII o último obradoiro, Buscando estrelas, impartido pola profesora de Astronomía da USC Josefina Ling. A el asistiron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez Pérez, e a concelleira de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois González.
19 obradoiros
O programa consistiu en obradoiros didácticos destinados ao alumnado de 5º e 6º de primaria de seis colexios públicos nos que se amosou a relación da ciencia e da tecnoloxía coa nosa vida cotiá e serviron para achegar o alumnado a estas disciplinas dun xeito lúdico. As encargadas de impartilos foron científicas e enxeñeiras da USC e do CESGA, referentes femininos que sirvan de modelos a nenas e adolescentes para motivalas nos estudos relacionados con estas disciplinas e caracterizados por unha baixa porcentaxe de alumnas.
Desde o 26 de setembro desenvolvéronse un total de 19 obradoiros nos CEIP Lamas de Abade, López Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Pío XII e Vite I. As temáticas foron moi variadas: programación, superordenadores, física divertida, xogando coa luz, informática visual aplicada á bioloxía, astronomía, pegada ecolóxica, realidade virtual e aumentada ou intelixencia artificial, entre outras cuestións.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161010_cartel_unha_enxexeira_ou_cientifica_en_cada_cole.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.usc.es/gl/servizos/oix/modules/news/news_0058.html