
Con motivo da celebración do Día do Alzhéimer queremos lembrar que as novas tecnoloxías son nalgunhas ocasións boas ferramentas das que botar man á hora de axudarnos a combater doenzas como esta da que falamos. Desta volta referímonos a unha aplicación móbil galega, de balde, que foi lanzada ao mercado pola start-up coruñesa Lapisoft [3]. Trátase de YoTeCuido Alzhéimer [4]. A dita ferramenta, encamiñada a coidadores e doentes de Alzhéimer, foi elaborada xunto con AFACO (Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer de A Coruña), e é un proxecto desenvolvido con fins sociais (non económicos), que pode axudar moito no caso concreto de Galicia, pois no rural hai poucos recursos e información dispoñíbles para as familias que se enfrontan ao Alzhéimer.
A app tenta dar resposta e apoio a doentes diagnosticados de Alzhéimer e aos seus coidadores, xa que a falta de información é moi grande neste senso.
Que contidos achega esta ferramenta? Pois dende os distintos síntomas e coidados específicos de cada fase, resposta a multitude de dúbidas relacionadas coa alimentación, a saúde, a vivenda, ou recursos sociais e legais dispoñíbeis, rutinas de estimulación física e cognitiva para facer na casa, unha sección propia para que o coidador se coide e un apartado con recursos sobre o Alzhéimer (asociacións de familiares de toda España, libros e filmes…).
Asemade, a aplicación conta coa posibilidade de enviar directamente calquera dúbida relacionada coa enfermidade, que será respondida polo equipo de especialistas de AFACO e incorporada á aplicación de xeito que esa nova información poida servir de axuda a outros afectados ou coidadores.
Os contidos de YoTeCuido foron elaborados tanto por familiares como por coidadores, polo que a información que se achega está baseada na experiencia de persoas que conviviron coa doenza.
YoTeCuido Alzhéimer xa está dispoñíble en GooglePlay [5] e tamén poderá descargarse en dispositivos iOS a través de iTunes.
Para máis información, cómpre visitar a web da aplicación [4].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/160922_yotecuido_cab8a9.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.lapisoft.es/
[4] http://www.yotecuidoalzheimer.com/
[5] https://play.google.com/store/apps/details?id=es.lapisoft.yotecuido