
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016 [3], que serán entregados no transcurso da XXI Gala das Telecomunicacións. Esta gran xuntanza dos nosos profesionais das TIC celebrarase o vindeiro 30 de setembro, ás 20,00 horas, no Gran Hotel da Toxa.
O Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC foi para Monet Viticultura [4], pola “introdución das novas tecnoloxías da información en sectores onde aportan valor a procesos tradicionais, e pola súa aplicación a mercados amplos”. O xurado tivo tamén en conta “a orientación de esta empresa á exportación e a súa actividade en I+D+i e a creación de emprego tecnolóxico”.
O Premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC recaeu en Beatriz Remeseiro López [5], por Avances na diagnose do síndrome de ollo seco: desenvolvemento de métodos automáticos para a avaliación de patróns na capa lípida da película lacrimal. O xurado salienta que a tese fornece “solucións para un problema de saúde pública, o síndrome do ollo seco, que afecta a unha grande parte da poboación maior de 65 anos”. Este traballo, sinalou Gradiant, “ten xa demostrado a súa aplicación, tanto no eido académico como na industria do sector da saúde, e ten un claro potencial de transferencia da tecnoloxía desenvolvida”.
O Premio Ineo ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2016 foille concedido a EGATEL S.L. polo proxecto Smart LNB [6]. Neste caso, recoñécese “o carácter innovador do uso eficiente das capacidades de transmisión de datos vía satélite”. Tamén se valorou “o amplo espectro das súas posíbeis aplicacións e a súa contribución á transformación dixital de diversos ámbitos como a saúde, o fogar dixital e o sector industrial”.
O Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa axencia AMTEGA, recaeu en EOSA, pola creación de INclue [7], sistema tecnolóxico innovador para a valoración técnica da exclusión social en base a criterios homoxéneos. O xurado tivo en conta “que a ferramenta presentada permite unha estimación precisa do grao de exclusión social dunha persoa”.
O Premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións, concedéuselle ao Real Club Celta de Vigo [8], por “liderar o desenvolvemento de sistemas tecnolóxicos que complementan ós partidos de fútbol e que favorecen a implicación dos afeccionados”.
O Premio ao Mellor expediente académico do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo foi para Daniel Rodríguez Domínguez. Por último, o Premio Enxeñeiro do Ano outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia recaeu en César Mariñas Dávila, pola “súa traxectoria en postos de responsabilidade en diferentes empresas do sector TIC e no exercicio libre da profesión”. Igualmente, distínguese “a súa profesionalidade e independencia, e a súa contribución ao desenvolvemento das telecomunicacións en Galicia”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/160912_noite_teleco_2013_02.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.aetg.gal/articulos/fallados-os-premios-galicia-das-telecomunicacions-e-da-sociedade-da-informacion-2016
[4] http://monet-ti.com/
[5] http://www.varpa.es/~bearm/
[6] http://www.egatel.es/productos/smart_lnb.php
[7] http://emausinclue.com/tecnologia-para-la-inclusion/
[8] http://www.celtavigo.net/gl/