Silleda,
07/09/16 (10:38)
Máis de corenta actividades conforman o programa da party informática Xuventude Galicia Net 2016, que se celebra do 9 ao 11 de setembro na Feira Internacional de Galicia coa colaboración da Consellería de Política Social.
As competicións terán un papel protagonista e repartirán premios valorados en máis de 6.000 euros, o cal supón un incremento dun 60% do seu valor respecto da pasada edición. Entre elas destacarán os torneos oficiais, os cales contarán con premios de maior relevancia e serán cinco, centrados nos populares videoxogos League of Legends (LoL), Hearthstone, Fifa 2016, Counter Strike-Global Offensive (Cs Go) e Rocket League, sendo este último unha nova incorporación. League of Legends e Hearthstone terán nesta convocatoria un importante engadido, dúas areas, é dicir, dous vistosos espazos de competición con postos para que se enfronten os xogadores da fase final de cada torneo, tendo un deles un estadio con bancadas, cortinones e pantallas tanto de visión xeral como para seguir a cada xogador. A estes torneos oficiais engadiranse, como novidade, tres non oficiais, dos videoxogos Overwatch, Heroes of Storme e Dota 2.
As restantes competicións da XGN 2016 serán propostas moi diversas, tales como a de seguridade, na que os participantes poderán poñer a proba todos os seus coñecementos rompendo a seguridade dun sistema, a de preguntas e respostas sobre informática e videoxogos ou unha xincana. Neste programa de competicións soamente poderán participar os inscritos na zona intranet da party, os cales gozarán nesta área dun posto de altas prestacións para o seu equipo informático e terán dereito a acampar no pavillón.
Aos torneos da XGN 2016 súmanse moitas outras actividades, orientadas tanto aos inscritos como a todo tipo de público que acuda ao recinto, polo que se celebrarán na extranet do evento, é dicir, na zona de acceso libre.
Entre outras zonas, haberá unha de computadores e unha de consolas de última xeración, canchas de fútbol, baloncesto e tenis, un campo de paintball e unha pista de karting, zona Nerf -nela os asistentes poderán competir nun campo con obstáculos con diferentes armas de combate, como pistolas nerf ou armas de gomaespuma-, zona radiocontrol -orientada a xogos con coches teledirigidos-, zona drone -un circuíto onde os asistentes utilizarán minidrones para superar obstáculos- e tamén área de xogos con futbolines, pimpón, air hockey, frisbie, xadrez e tiro con arco de ventosa. A elas sumaranse, entre outras actividades, exhibicións de tiro con arco olímpico, talleres de maquillaxe zombie, snookball -billar xigante no que se empregan pelotas de fútbol en lugar de bólas de billar-, ou(lan)piadas -parodia das olimpíadas con probas como petanca informática ou lanzamento de DVD-, exposicións de artigos friki e de esculturas de súper heroes ou actividades relacionadas con Star Wars e a visita de personaxes desta saga de man da asociación Tropa Korriban.
Conferencias
As conferencias tamén formarán parte das actividades de Xuventude Galicia Net, aumentando respecto ao ano pasado e centrándose en temas como os e-sports, a creación de videoxogos e o radiocontrol. A XGN 2016 amplía así considerablemente o seu programa de actividades e inclúe numerosas novidades para ofrecer unha excelente proposta aos afeccionados á informática e os videoxogos que se inscriban na súa intranet ou acudan á zona extranet da party.
Tema: Xeral
Fonte:
Faro de Vigo