
O Concello da Guarda está a organizar un certame para fomentar a creatividade da xuventude a través dos móbiles e as redes sociais. Trátase do Concurso de Selfies Vive A Guarda [3], impulsado co obxectivo duplo de impulsar a visibilidade da vila galega nas comunidades de Internet e, tamén, de impulsar a vea creativa da mocidade. O certame, que ten aberto o prazo de presentación de fotos ate o 31 de agosto, vén da man do departamento de Xuventude do Concello. Segundo informa, vai dirixido a mozas e mozos de entre 14 e 30 anos. Para participaren no concurso, deberán facerse unha foto salientando algún lugar destacado e referencial do concello.
A actividade inclúe dúas modalidades, individual e en parella. En calquera das dúas os participantes deben ser os protagonistas da imaxe e só poderán presentar unha proposta.
Esta pode ser remitida en formato dixital a través de dúas redes sociais, Instagram ou Facebook. En ambos casos os concursantes subirán a imaxe ó seu perfil de dita rede social, acompañándoa coas etiquetas #viveaguarda e #concursoselfies. Nas bases do certame tamén se especifica que en Instagram cómpre etiquetar ao perfil @viveaguarda e no Facebook compartilo na páxina Xuventude A Guarda.
Como dixemos, o prazo para presentar os selfies remata o vindeiro día 31 de agosto. A partir desa data tres xuíces deliberarán sobre cal das obras presentadas debe ser a elixida como vencedora, tendo en conta os criterios de calidade técnica e artística, a orixinalidade e a adaptación ós obxectivos e normas do concurso. Os traballos que resulten gañadores, e que se coñecerán o día 5 de setembro, ademais de ser premiados cunha cea ou xantar no Forte (A Guarda), tamén formarán parte da campaña de impulso local Vive A Guarda 2016, que está a desenvolver o Concello.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/160810_a_guarda_sel17.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.aguarda.es/index.php/gl/novasxuventude/1053-o-concello-da-guarda-crea-o-concurso-de-selfies-viveaguarda-dirixido-a-xuventude-da-vila