
A iniciativa EmpregaTIC do Concello de Lugo, que adiantaron os días pasados dende Código Cero (para dar conta dos seus obxectivos de favorecer a empregabilidade de mozas e mozos a través das novas tecnoloxías) [3], xa ten abertas as portas para presentarmos a nosa solicitude de participación. De maneira complementaria, o Concello publicou na súa web as bases deste obradoiro de emprego [4]: os requirimentos e pautas que rexerán a selección dos 15 alumnos que se beneficiarán do programa, e tamén, dos monitores e do administrador.
Todas as persoas que queiran optar como alumnos a este obradoiro deben dirixirse ás sedes da Oficina de Emprego (contando previamente coa inscrición no Plan de Garantía Xuvenil). Segundo informa o Concello, as/os candidatas/os propostos pola Oficina serán convocados á selección propiamente dita os días 30 e 31 de agosto no CEI-Nodus.
O obradoiro, que arrincará o 26 de setembro, busca pór en valor o patrimonio documental, natural e histórico do municipio a través das TIC, ao tempo que facilita a formación dos lucenses.
EmpregaTIC artéllase en dous módulos: Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos. Entre as actuacións principais atópase o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de mercadotecnia, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros. Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.
O orzamento para o obradoiro é de 130.800 euros (subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria).
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/160804_computadora_295f-7c894.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://codigocero.com/O-obradoiro-EmpregaTIC-de-Lugo-arrinca-en-setembro
[4] http://lugo.gal/gl/novas/publicadas-na-web-do-concello-bases-do-obradoiro-empregatic-para-seleccion-dos-alumnos-os