
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá o prazo de inscrición para a obtención da Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) [3] con 180 prazas para este curso preparatorio, que comezará en setembro e cuxo exame presencial terá lugar en novembro.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos, estar dado de alta como usuarios da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impartirase desde setembro na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
O prazo de inscrición será de cinco días hábiles a partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días desde a data da súa publicación a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este segundo semestre do ano 2016, que tivo o seu inicio na primeira metade do ano cunha primeira edición dun curso de teleformación titorizada que vén de rematar o mes pasado.
Ademais destes cursos preparatorios, realízanse ao longo do ano dúas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un total de 1.000 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no dito plan.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron preto de 1.000 as prazas convocadas en cursos de teleformación titorizada e de 1.900 as persoas que se someteron á avaliación dos seus contidos nas diferentes edicións das probas presenciais convocadas e que se realizaron en diversas aulas da rede CeMIT.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/logocodix.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160608/AnuncioG0177-310516-0001_gl.html