
O acto de posta en marcha do programa formativo de Voluntariado Dixital [3] celebrado no CNTG de Santiago, do que falamos onte polo miúdo [4], tamén contou coa presenza do presidente do Cluster TIC de Galicia [5], Gerardo Crespo, quen participou pola tarde na mesa redonda Experiencias de éxito no ámbito do voluntariado e as novas tecnoloxías. Crespo fixo fincapé no apoio da organización que dirixe á iniciativa solidaria e defendeu que as novas tecnoloxías ofrecen extraordinarias oportunidades para pór en marcha formas innovadoras de voluntariado e participación social, fixo unha exposición sobre os principais retos aos que se enfronta o sector TIC galego e explicou cales son as principais liñas de traballo do Cluster. Segundo nos fixo saber en persoa o presidente da plataforma empresarial, esta comparte ao cen por cen os obxectivos do Programa de Voluntariado Dixital, de aí que a colaboración “sexa lóxica e positiva para ámbalas dúas partes”.
Na súa opinión, o sector TIC galego é o soporte natural para o desenvolvemento de recursos e plataformas que permitan impulsar novas formas de participación social na nosa terra. Á súa vez, engadiu, o voluntariado dixital ten moito que achegar ao sector, “na medida en que contribúe a incorporar ferramentas TIC á vida cotiá dos cidadáns”. A contribución do Cluster TIC nesta iniciativa da Secretaría Xeral de Modernización e a Dirección Xeral de Xuventude, baséase en poñer o Cluster a disposición dos xestores do programa “para seguir contribuíndo en formación ou en desenvolvemento de recursos tecnolóxico-dixitais que axuden a acadar os obxectivos propostos”. Por outra banda, dixo, algunhas empresas membros do Cluster xa teñen manifestado os seu compromiso para exercer como mecenas dixitais, apoiando o programa con achegas en formación, cesión de espazos, financiamento de eventos ou cesión de material informático.
No que atinxe á súa opinión sobre Voluntariado Dixital, Gerardo Crespo salientou as súas “vantaxes”. Ao seu xuízo, a acción voluntaria é fundamental para que os colectivos que, por diferentes motivos, teñen menos doado o uso das ferramentas TIC poidan beneficiarse destas. “Neste senso, o programa é un acerto”, dixo.
A xornada tamén contou coa participación, entre outras achegas, de Cristina Novo Díaz, terapeuta ocupacional do Centro de Novas Tecnoloxías de Fingoi (Centro de Recursos de Persoas con Discapacidade - COGAMI Lugo), Juan Ramón Salido Rodríguez (voluntario dixital en COGAMI Lugo), María Luisa Ansorena Hortega, presidenta de FETEGA-U.D.P, Mª Jesús Blanco Pérez, traballadora social, Rafael Rodríguez Gayoso, presidente da Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) e Charo Iglesias Granja, coordinadora da Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/gerardo_crespo-3-2c999.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://voluntariadodixital.xunta.es/
[4] http://www.codigocero.com/Voluntariado-Dixital-xa-conta-con
[5] http://www.clusterticgalicia.com/