
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) e as súas entidades membros lograron en 2015 a integración laboral de 4.365 persoas con discapacidade, un 5% máis que o ano anterior, a través da súa rede de Servizos de Integración Laboral, composta por 71 oficinas repartidas por todo o país.
'Froito da nosa aposta polo emprego, en 2015, reforzamos os nosos propios Servizos de Integración Laboral así como os das nosas entidades, con 17 técnicos e técnicas. Este incremento non só se reflicte de forma directa nos resultados de inserción laboral, senón que de forma indirecta amplía e mellora a oferta de servizos e recursos das entidades', destaca o presidente da entidade, Mario García.
Os Servizos de Integración Laboral deron prioridade a dirixir a intermediación laboral cara á empresa ordinaria, mantendo para iso a fidelización do tecido empresarial e afianzando a colaboración xa establecida co mesmo en anos anteriores.
Igualmente, as novas tecnoloxías son un elemento integrado plenamente na metodoloxía de traballo dos SIL e forman parte das accións habituais de orientación e acompañamento das persoas usuarias, así como dos proxectos que leva a cabo a Confederación.
Este é o caso do proxecto 'REDemplea2.0', desenvolvido coa colaboración de Fundación Vodafone España en todo o territorio nacional, e cuxo obxectivo principal foi promover a participación en rede das persoas usuarias co fin de promover o empoderamento, a empregabilidade, a formación en TIC e o acceso ao emprego. Grazas a este proxecto preto de mil persoas melloraron a súa empregabilidade a través das novas tecnoloxías.
Estes resultados serán presentados durante a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria da Confederación que terá lugar o próximo 25 de xuño no Hotel Rafael Atocha (C/ Méndez Álvaro 30-32, Madrid).
Durante o evento tamén se analizará o traballo realizado noutras áreas de actuación e a evolución das últimas políticas relacionadas co sector das persoas con discapacidade física e orgánica, e celebraranse eleccións para renovar os órganos de goberno da entidade.
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) é unha Organización non Gobernamental sen ánimo de lucro que se constituíu en 1980. O seu obxectivo é aglutinar, fortalecer, formar e coordinar os esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica para defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida. A Entidade congrega a máis de 1.600 organizacións en todo o país divididas en Confederacións Autonómicas, Entidades Estatais e Federacións Provinciais que á súa vez, agrupan ás diferentes asociacións locais.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/cocemfe2_0.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()