
Por oitavo ano consecutivo, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorgará os seus galardóns ao abeiro da Noite da Enxeñaría en Informática Galicia (anoite.gal). A través de distintas categorías, os colexiados e colexiadas recoñecerán aquelas iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática da nosa terra.
As distincións son as seguintes: Premio Traxectoria Profesional, Premio Iniciativa Emprendedora, Premio Proxecto Fin de Carreira (aberto á presentación de candidaturas e cunha dotación de 1.000 euros), Premio Iniciativa de Administración, Premio Iniciativa Empresarial, Premio Colexiado de Honra e Premio Ada Byron (dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática, líderes na adopción da tecnoloxía e, segundo se fai saber nas bases do galardón, “con capacidade para mesturar coñecementos técnicos e visión social”).
A maiores convócase o Premio Iniciativa eInclusión que, como se indica no seu propio nome, vai dirixido a visualizar e distinguir aquelas achegas galegas con meirande potencial e maior capacidade para rematar coa fenda dixital en calquera das súas manifestacións (de xénero, urbano-rural, económica, social, cultural, de idade, etc). Ou sexa, para traballar a prol da máxima igualdade de condicións arredor do acceso (e uso) á Sociedade da Información.
Segundo informa o CPEIG, agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais premiados recibirán unha estatuíña sen dotación económica.
A entrega destes premios realizarase o día 3 de xuño en Santiago de Compostela, no Hotel Monumento San Francisco, no marco dunha cea de gala á que están convidados diversos persoeiros da vida pública e empresarial galega, aos que cómpre engadir representantes dos nosos ámbitos académico e investigador. A previsión é xuntar a máis de douscentos colexiados/as, xunto con outros convidados/as.
Para a organización do evento, o CPEIG contará coa colaboración de diversas empresas e institucións da nosa terra centradas no eido das novas tecnoloxías da información. De feito, “co convencemento de que o apoio ao Colexio e ás súas actividades representa un pulo á profesión”, o CPEIG ofrece a posibilidade de participar na celebración de gala como entidades patrocinadoras ou colaboradores mediante a formalización dun acordo.
En palabras da entidade profesional que preside Fernando Suárez, a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia é xa “unha gala consolidada mediante a cal o CPEIG visualiza a súa presenza na sociedade galega, o traballo desenvolvido polos enxeñeiros en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas no eido das novas tecnoloxías”. Segundo engade, en todas as sete convocatorias previas da Noite acadouse unha gran repercusión en múltiples vertentes: tanto na afluencia de público, autoridades e empresariado, como na repercusión nos medios de comunicación galegos e estatais como, tamén, no afianzamento de potencialmente frutíferas relacións entre profesionais do noso sector das novas tecnoloxías da información.
Para máis información, cómpre visitar a páxina web anoite.gal, onde se dá conta (entre outras moitas cousas) das diferentes modalidades establecidas, de imaxes das celebracións de anos anteriores e, tamén, do programa de actividades para o evento deste 3 de xuño, unha gala que vai contar co humorista monologuista e actor Dani Delacámara e que está previsto que comece arredor das 20.00 horas cun cóctel de benvida para logo, arredor dunha hora máis tarde, abordar o acto de entrega de galardóns propiamente dito. A cita proseguirá coa cea de gala (posterior os premios), prevista para arredor das 21.45 horas.
O Colexio
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o colexio agrupa por obriga a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática, desenvolve actividades propias da profesión en Galicia. Arestora o CPEIG suma máis de 350 colexiadas e colexiados.
Recoñecemento a Civil UAVs Initiative
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) fallou os días recentes o seu Premio Iniciativa da Administración a favor da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo seu proxecto Civil UAVs Initiative. A entrega do premio, que se une a outros sete galardóns pendentes de fallo, realizarase o día 3 de xuño en Santiago de Compostela durante a celebración da oitava edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
A iniciativa premiada, centrada no sector emerxente dos avións non tripulados, suporá un investimento de 115 millóns de euros, a creación de 600 empregos, o impulso de novos investimentos e a mellora da concorrencia industrial galega. Neste proxecto pioneiro a Xunta ten como socios industriais as empresas multinacionais Indra e Inaer.
Os membros da Xunta de Goberno do CPEIG tiveron en conta, para a concesión deste galardón, que o parque industrial e tecnolóxico das Rozas, a desenvolverse ao abeiro da Civil UAVs Initiative, situará a Galicia como unha das contornas xeográficas líderes a nivel mundial no desenvolvemento e fabricación de avións non tripulados de ámbito civil. Conformarase ademais un centro punteiro de I+D+i especializado nun sector innovador no que as enxeñeiras e os enxeñeiros en Informática realizarán achegas fundamentais.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/noiteCPEIG.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()