
A Deputación de Pontevedra e o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) van pór en marcha unha serie de actividades informativas para dar conta, perante a nosa mocidade, das vantaxes ambientais e económicas da compostaxe. Entre as accións a desenvolver inclúese un blog específico sobre educación ambiental. Tamén haberá charlas, mostras e mesmo un congreso. Así o deron a coñecer o presidente en funcións da Deputación, César Mosquera, e máis o director do CEIDA, Carlos Vales. Os destinatarios de todo isto son os estudantes e os profesores de preto de medio milleiro de centros de Primaria e Secundaria espallados polo territorio provincial.
A idea é tirar partido das ditas ferramentas para dar a coñecer este sistema alternativo de tratamento de de refugallos orgánicos, en palabras do dito centro “unha oportunidade para transformar o lixo en abono de calidade a pé de produción de residuo”. O blog achegará a posibilidade de facer seguimento das principais prácticas a desenvolver, das metodoloxías a seguir para unha correcta compostaxe ou dos principais beneficios que se obteñen ao seu abeiro. O obxectivo é chegar a todos os colexios da provincia nos vindeiros catro anos. No convenio deste ano co CEIDA investiranse 80.000 euros das arcas provinciais. Ao abeiro do acordo, o centro ambiental porá en marcha o proxecto A xestión dos residuos na Provincia de Pontevedra: a compostaxe, que está dirixido a tódolos nenos e nenas de Primaria e Secundaria da provincia -preferentemente dos centros educativos próximos aos centros de compostaxe comunais da Deputación- e ao seu profesorado. “Os rapaces recibirán formación sobre estas prácticas mediante blogs, exposicións itinerantes, información e un congreso”, lembrouse.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/depuPonte_ceida.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()