
A Deputación de Lugo ten entre mans un novo feixe de actividades formativas baseadas no dixital e nas súas vantaxes para o noso desenvolvemento. As accións foron dadas a coñecer esta semana polo patrón da Fundación TIC, Álvaro Santos, quen presentou a programación do 2º trimestre de 2016 no Centro de Innovación Social, InLugo, que xestiona a dita Fundación a través dunha encomenda da Deputación. A dita programación abrangue 27 cursos e obradoiros, tres deles na provincia, e un total de 311 prazas gratuítas destinadas a todos os lucenses de máis de 55 anos.
As iniciativas programadas para abril, maio e xuño estarán centradas en dar resposta ás demandas tecnolóxicas dos maiores de Lugo. Cousas como por exemplo aprenderen a empregar o computador, os dispositivos smartphone, as tabletas ou mesmo as videoconsolas (moi útiles, neste senso, para estimular capacidades cognitivas e funcionais).
Tamén se lles ensinará a navegar por Internet e a empregar aplicacións de emprego común, como por exemplo o servizo de mensaxería Whatsapp, de gran potencial para establecer máis e mellor comunicación con amigos e familiares.
O representante da Fundación TIC lembrou tamén que o prazo para inscribirse se abre este mesmo mércores, 30 de marzo, ás 12:00 horas, e animou “a todos os interesados a que se apunten canto antes xa que cada vez é maior a demanda, e boa parte das prazas adoitan cubrirse ás poucas horas”. Pode facerse a través de fundaciontic.org e deputacionlugo.gal ou no teléfono 982 225 186. A programación arrancará o 5 de abril co curso Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece o teu ordenador, que durará tres días.
A maiores, o patrón da TIC salientou “o labor que está a desenvolver o InLugo nunha provincia como a nosa”, cunha poboación “moi envellecida e dispersa”, na que as novas tecnoloxías poden representar un papel moi destacado á hora de mellorar a vida cotiá dos nosos maiores, a súa comunicación cos demais e a preservar as súas capacidades cognitivas e funcionais. Tamén lembrou que amais dos cursos e obradoiros, InLugo conta con outros servizos formativos e divulgación, por exemplo Aula de Transmisión do Coñecemento, unha aula interactiva con material informático e conexión a Internet a disposición de todas aquelas persoas maiores que o desexen.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/inlugo2t.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()