
A Confederación Española de Organizacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral e Afíns (Confederación ASPACE) é unha entidade sen ánimo de lucro que busca maneiras de mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e das súas familias. Para alcanzar ese obxectivo confían plenamente na tecnoloxía, unha confianza que se materializou no proxecto #ASPACEnet.
En que consiste? No ano 2010, ASPACE publicou un estudo acerca da implantación de tecnoloxías de apoio e sistemas de comunicación aumentativa e alternativa na contorna das persoas con parálise cerebral. Os resultados do mesmo foron concluíntes: entre un 80 e un 90% desas persoas non dispuña desas ferramentas, fundamentais para superar as barreiras que supón a súa discapacidade.
Dese modo, o proxecto #ASPACEnet marcouse unha serie de obxectivos relacionados coa mellora da calidade de vida e a autonomía das persoas con parálise cerebral utilizando as tecnoloxías citadas. Entre eles, promover proxectos de innovación que impulsen o desenvolvemento persoal e profesional, mediar con organismos públicos e empresas para que tamén apoien economicamente ese tipo de iniciativas, fomentar a orientación e a formación das persoas con discapacidade cerebral e as súas familias, buscar alianzas e potenciar o traballo colaborativo entre axentes sociais e institucionais?
Unha das últimas iniciativas lanzadas foi a de propor ao público unha votación para escoller un videoxogo accesible. O que reciba máis apoios será desenvolvido a través de aMiAlcance Games. O catro finalistas son un xogo de baloncesto, un de boccia, un pinball e un quebracabezas. Aínda estás a tempo de emitir o teu voto e participar na decisión: pasa pola páxina de Facebook de #ASPACEnet e dálle a teu "like" ao que máis che guste dos catro.
Até a data, o proxecto #ASPACEnet serviu para mellorar a infraestrutura tecnolóxica de 24 entidades de atención a persoas con parálise cerebral; e son máis de 1.200 as persoas que, directa ou indirectamente, se beneficiaron das distintas actividades organizadas. O apoio da Fundación Vodafone España serviu para obter grandes progresos no ámbito dos dispositivos móbiles, facéndoos moito máis accesibles e manexables.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/aspacenet_1.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()