
A Fundación Vodafone España, a Fundación ONCE e a Fundación TMB, como parte do seu acordo de cooperación para fomentar a inclusión social de persoas con discapacidade, desenvolveron un proxecto tecnolóxico de I+D para facilitar o uso do transporte público por parte de persoas cegas ou con baixa visión, cuxa versión de proba presentouse, cunha demostración práctica, na estación de Fira do metro de Barcelona.
Esta iniciativa conta tamén co apoio da Fundación Mobile World Capital Barcelona.
Segundo o anunciado en xullo de 2015, as tres fundacións promoveron dúas probas piloto de solucións tecnolóxicas distintas para facilitar a orientación de persoas con discapacidade en estacións de metro e paradas de autobús, mediante aplicacións en dispositivos móbiles e balizas de radiofrecuencia. Para iso desenvolvéronse prototipos de servizos e leváronse a cabo probas en contornas reais: unha estación de metro, a de Diagonal, e unha parada de autobuses da Zona Franca da cidade de Barcelona.
No caso do metro, as balizas despregadas nas instalacións interactúan cunha aplicación instalada no dispositivo móbil do usuario invidente, para guialo de maneira segura no seu traxecto desde o acceso exterior até subir ao tren, e á inversa. Seguindo o itinerario marcado polos encamiñamentos implantados no pavimento da estación, o sistema dá información direccional en cada derivación do percorrido.
Na parada de autobús, o obxectivo é que o usuario obteña de maneira automática no seu dispositivo a identificación do vehículo que se detén nese momento na parada, co seu número de liña e destino, para que poida decidir de maneira autónoma se fai uso del. Ao mesmo tempo, o condutor é informado de que unha persoa cega se atopa na parada.
O desenvolvemento destas solucións de I+D, que a partir deste momento poderían ser aplicadas ao conxunto das redes de transporte e resultar de utilidade para unha gran diversidade de colectivos, con e sen discapacidade, é a primeira acción contemplada no convenio marco de colaboración que subscribiron a Fundación Vodafone España, a Fundación ONCE e a Fundación TMB.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/accesibilidadTMB.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()