
Os novos realizadores contan desde hoxe cunha das mellores oportunidades para exhibir o seu traballo en salas comerciais de toda España grazas a ASPACEfilm 2016, a segunda edición do concurso de curtas sobre parálise cerebral organizado por Confederación ASPACE, pois a curtametraxe gañadora será proxectada en máis de 60 cinemas de toda España antes de cada película e o seu director recibirá 1.000 euros en metálico grazas ao patrocinio da Fundación MRW.
O concurso conta con colaboradores do mundo audiovisual de primeiro nivel, como a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España, onde se realizará a gala de entrega de premios e a proxección dos traballos finalistas, ademais de formar parte do xurado. Pola súa banda, a Fundación SGAE convida ao director do curto gañador a presentar a súa cinta no festival 'SGACE en curto', onde ademais será proxectada. A Universidade Francisco de Vitoria e a Escola de Cinematografía do Audiovisual da Comunidade de Madrid promoven a participación dos seus estudantes no concurso e realizan labores de sensibilización. Pola súa banda, CINESA e a cadea de televisión local 8madrid implícanse na difusión do concurso.
ASPACEfilm está aberto a calquera persoa maior de 18 anos, os traballos deben ser inéditos, dunha duración máxima de 4 minutos, estar subtitulados e en idioma castelán. A peza audiovisual debe abordar, dunha forma ou outra, a temática da parálise cerebral, pois o obxectivo desta iniciativa consiste en promover unha imaxe adecuada desta discapacidade e concienciar á sociedade.
Na primeira edición de ASPACEfilm resultou gañadora a cinta 'O meu PC non é un computador', dirixida por Juan José Jiménez Bellver e interpretada por Eduard Tomás, que dá vida Óscar, un mozo de 31 anos con parálise cerebral que empeza a cuestionarse a fugacidade e suposta normalidade da súa vida.
Como finalistas da pasada edición de ASPACEfilm foron seleccionados as curtas Ronsel de Borja Zaussen, que conta a historia dunha moza con parálise cerebral que medrou en silencio, soñando co don da palabra, e que, unha vez que pode comunicarse, xa adulta, descobre que non é unha muller asexuada; Amigo, de Gaizka Larringan e Asier Perugorria, explora a relación de amizade que xorde ineludiblemente entre as persoas con parálise cerebral e os voluntarios que colaboran con eles; por último, O pequeno mestre, de Cristina Seri e Luís Ortas, é unha curta documental que conta a historia de amor entre Juanjo, un neno con parálise cerebral e Clara, unha nena da súa clase.
Podemos descargar o Documento PDF Oficial coas Bases de ASPACEfilm 2016 [3] e se desexas subir a túa curta tamén podes facelo na Web Oficial [4].
Máis información na Web Oficial da Confederación ASPACE [5].
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/aspaceFilm2016.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.aspace.org/aspace/news/2015/documentos/aspacefilm_2016.pdf
[4] https://docs.google.com/forms/d/1R-dFX1EW07aogdCMa9saxtTIoNiuuJI_4zAhKRwW9VQ/viewform?utm_source=GraphicMail&utm_medium=email&utm_term=NewsletterLink&utm_campaign=2016.02.15+-+ASPACEfilm&utm_content=discapnet%40technosite.es
[5] http://www.aspace.org/