
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe nun networking con empresarios que se desenvolveu por videoconferencia en aulas da rede CeMIT de distintas localidades galegas. Neste encontro virtual, levado a cabo desde a aula CeMIT do edificio Cersia, Conde resaltou o papel que xogan as TIC para “chegar a todos, vertebrando Galicia e impulsando e difundindo coñecemento”, o que posibilitou na xornada de hoxe avaliar con 70 empresarios de 15 concellos as ferramentas e apoios da Consellería.
Neste sentido, Conde destacou que o seu departamento ten activado no comezo de ano preto de 200 millóns de euros en apoios para o tecido produtivo da Comunidade, o que supón o 70% dos programas de axudas para este 2016. Un marco de colaboración no que esta canle de diálogo se configura como unha ferramenta “áxil e eficiente” para escoitar as propostas de empresarios e emprendedores e achegarlles as opcións coas que contan para seguir a crear riqueza e emprego.
Conde subliñou que a metade dos apoios postos en marcha céntranse na área de Emprego, de cara a consolidar o crecemento e xerar postos de traballo. En total, este eido suma case 100 millóns con liñas como a centrada no fomento do emprego autónomo, á que a Xunta destina máis de 20 millóns.
Así mesmo, lembrou o conselleiro, o Igape vén de activar programas por 22 millóns de euros que facilitan os investimentos empresariais e iniciativas no eido da Industria 4.0. Uns apoios aos que cabe sumar os 9,5 millóns destinados á internacionalización do tecido empresarial, os preto de 15 millóns para fomentar a eficiencia enerxética e o uso de fontes renovables, e os máis de tres millóns dedicados ao smart commerce, á modernización comercial e as vendas en liña.
Neste marco, o titular de Economía, Emprego e Industria avanzou que, ao longo de todo o ano, a Consellería destinará ata 40 millóns de euros ao emprendemento. Un esforzo que permitirá sumar ao traballo xa feito a prol da simplificación e mellora de trámites administrativos, iniciativas como a Oficina Doing Business, unha ferramenta pioneira que nace como canle directa con cidadáns e empresas para suprimir barreiras e impulsar a posta en marcha de proxectos.
“Estas iniciativas non fan senón reforzar a cooperación co tecido empresarial na procura de crear máis emprego e de maior calidade, e de consolidar o crecemento”, salientou Conde, quen resaltou que algúns dos principais indicadores económicos xa apuntan nesta dirección. Así, apuntou, Galicia pechou 2015 cun crecemento do 4,1% na produción industrial, 9 décimas por riba da media estatal; mantén un bo ritmo exportador cara un novo ano récord; e ten logrado situarse a niveis de paro de hai cinco anos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/conde.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()