
Investigadores da Universidade de Southampton (Reino Unido) en colaboración co Imperial College de Londres desenvolveron unha manga WiFi que axuda aos pacientes que sufriron un derrame cerebral a recuperar a funcionalidade do seu brazo e da súa man.
Derrames cerebrais, ictus ou apoplexías son cada vez máis comúns nas sociedades dos países desenvolvidos, sobre todo por malos hábitos de vida, como o alcol, ou alimenticios que desembocan en sobrepeso e en problemas das arterias, entre outros moitos. As recuperacións nestes casos son duradeiras e para nada fáciles, sobre todo porque moitas das actividades téñenas que practicar os pacientes en casa e a recollida desta información é complexa ao non estar os médicos ou especialistas presentes.
A manga aínda non se fixo realidade, senón que, de momento, trátase dun texto sobre papel, pero o proxecto de dous anos foi financiado cun millón de libras polo Instituto Nacional de Investigación para a Saúde (NIHR son as súas siglas en inglés) do Reino Unido, co que aínda lles queda tempo e recursos para desenvolver o prototipo.
A manga en cuestión será un aparello WiFi que enviará, de forma automática, información intelixente sobre o movemento dun músculo e a forza do mesmo mentres que os pacientes fan os exercicios no seu fogar. Desta maneira, os datos serán enviados a un computador ou tableta para que os propios enfermos poidan ver os seus avances, pero tamén para que os encargados da súa recuperación poidan ter os resultados en conta á hora de levar o programa dunha determinada maneira ou outra.
'A rehabilitación por un derrame cerebral faise cada vez máis no fogar porque os pacientes son habitualmente dados de alta no hospital tras uns días ' as referencias son en relación a quen padecen estas apoplexías no Reino Unido '.
Esta política fomenta a independencia e deixa ao carón os problemas asociados coas estancias a longo prazo nos hospitais. En cambio, algúns pacientes teñen problemas á hora de levar a cabo os exercicios e pódense chegar a preguntar se o que están a facer está ben ou non. Os terapeutas, ao igual, non teñen maneiras de medir de forma obxectiva a actividade muscular ou o movemento dos pacientes. Tecnoloxías para a rehabilitación como a nosa axuda a combater os problemas aos que se enfrontan ambas as partes', explica un dos profesores da Universidade de Southampton, Jane Burridge.
A manga incorpora unha tecnoloxía coñecida como 'mechanomyography', é dicir, sensores do estilo a micrófonos, que son capaces de detectar a vibración dun músculo cando se contrae, e unha unidade de medición inercial que utiliza acelerómetros triaxiais, xiroscopios e magnetómetros para detectar o movemento.
Os datos recollidos por ámbolos sensores combínanse e elimínase aquela información que non sexa necesaria ou teña que ver co sinal do músculo, como pode ser o ruído de fondo que entra pola xanela.
Os pacientes reciben no computador unha representación do movemento que fixeron para ver canto melloraron; os médicos, pola súa banda, obteñen información máis detallada que lles axuda a advertir os problemas que están a ter os enfermos, de maneira que se aumenta a eficiencia e a efectividade da terapia.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/manga.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()