
O proxecto europeo Desktop (Disabled Enhance their Skills Through Online Platforms) beneficiará a 850 persoas de oito países da Unión Europea na área da educación e a discapacidade mediante a personalización de aplicacións adaptadas ás persoas con discapacidade.
En concreto, trátase dunha iniciativa destinada a mellorar a vida das persoas con discapacidade, a través do ámbito educativo e a integración de aplicacións para dispositivos móbiles, que permitirá a estas persoas mellorar a súa independencia e autonomía.
Desktop nace tras a experiencia adquirida durante dous anos en España co proxecto 'm-Capacita', desenvolvido por un grupo de educadores e expertos en discapacidade da Orde Hospitalaria de San Xoan de Deus en 14 centros.
Este proxecto utiliza a plataforma 'Mefacilyta', desenvolvida pola Unidade de Innovación da Fundación Vodafone España, que ofrece unha contorna sinxela para a personalización de aplicacións adaptadas ás persoas con discapacidade, o que lles permite gañar autonomía en distintos ámbitos como o laboral, social e doméstico, ao facilitarlles a realización de actividades cotiás como o manexo doutros aparellos ou facer a compra.
Así, a primeira reunión cos responsables do proxecto de todos os países implicados tivo lugar en Madrid o 28 e 29 de xaneiro (Foto superior).
Neste encontro, o coordinador do proxecto Desktop da Fundación Juan Ciudad, Javier Martínez, explicou que hai un "gran reto por diante", xa que se pretende chegar nunha primeira fase a 850 beneficiarios do proxecto entre persoas con discapacidade, educadores e organizacións.
A directora de Innovación da Fundación Vodafone España, Mari Satur Torre, subliñou que "as novas tecnoloxías permiten mellorar a forma de facer as cousas e empoderar ás persoas con discapacidade".
Mentres, o responsable da oficina en Bruxelas Hospitality Europe, Carlo Galasso, este é o primeiro proxecto europeo conxunto entre a Orde Hospitalaria e as Irmás Hospitalarias, sendo unha "oportunidade para promover en distintos países unha ferramenta innovadora, ademais de ser unha boa práctica para ensinar á Comisión Europea de face á súa adopción na nova normativa europea sobre accesibilidade".
Segundo as estatísticas da Comisión Europea, o índice de pobreza das persoas con discapacidade é un 70% máis elevado que a media xeral.
Neste contexto a Orde Hospitalaria e as Irmás Hospitalarias presentaron en 2015 o proxecto Desktop, a través da oficina 'Hospitality Europe', co obxectivo de promover a educación de persoas con discapacidade a través da implementación das tecnoloxías dixitais.
O proxecto durará até 2017 e conta con financiamento da Comisión Europea. Nel participan o seguintes nove organizacións de oito países diferentes: Fundación Juan Ciudad (España), Fundación Vodafone España, Hospitality Europa (Bélxica), Instituto dar Irmas Hospitaleiras do Sacro Coraçao de Jesus (Portugal), Association Benoit Menni (Francia), SJOG Community Services Limited (Irlanda), Johannes Von Gott-Pflegezentrum (Alemaña), Barmherzigue Brüder gGmbH (Austria), Bonifraterska Fundacja Dobroczynna (Polonia).
En España hai 14 centros para persoas con discapacidade da Orde Hospitalaria de San Xoan de Deus que participan no proxecto 'm-Capacita' en Madrid, Xixón, Vigo, Ciempozuleos, Sant Boi de Llobregat, Valladolid, Selecta, Málaga, Almacelles, Alcalá de Guadaira, Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria e A Palma.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/accesibilidadDesktop.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()