
Co obxectivo de promover as vantaxes que ofrecen os dispositivos móbiles avanzados (novos teléfonos intelixentes e tabletas) para as persoas maiores xordas, a Fundación Vodafone España e a Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación lanzaron uns tutoriais sobre o uso dos Smartphone dirixidos a este colectivo.
A través de vídeo-pílulas formativas de carácter gratuíto que incorporan lingua de signos, ensínaselles como utilizar os smartphones dunha maneira eficaz e sinxela tanto para dispositivos con sistema Android como para os que incorporan o sistema operativo iOS, o que contribuirá a que as persoas maiores xordas poden asimilar as súas funcionalidades e así, beneficiarse de servizos que favorezan a súa autonomía persoal e a súa calidade de vida.
Os devanditos tutoriais, un total de 25 vídeos-formativos (12 en sistema operativo Android, 12 en sistema IOS, máis un de introdución común para os dous sistemas), están dispoñibles na web www.fundacionvodafoneconlosmayores.com [3] e en listas de distribución independentes de YouTube con tan só introducir as palabras "curso Smartphone para Maiores LSE". Os seus contidos abarcan desde o aceso do dispositivo até o envío de mensaxes e descarga de aplicacións, ademais de mostrar as posibilidades dos dispositivos móbiles, como utilizalos, para que poden servir, e que aplicacións se poden usar segundo os seus gustos e preferencias, especialmente para o contacto con familiares e amigos.
Segundo Mar Fernández, Directora de Proxectos Sociais da Fundación Vodafone España, esta iniciativa enmárcase no compromiso da devandita Fundación por dar a coñecer as TIC e as súas utilidades entre as persoas maiores. "É unha ferramenta que se concibe como un servizo para as persoas maiores. Pretendemos que calquera entidade de maiores, ou calquera persoa poida utilizar os contidos para a súa formación no uso dos Smartphones".
Para Marisol González, Directora Xeral da Fundación CNSE, o proxecto supón un paso máis en materia de recursos e servizos adaptados ás persoas maiores xordas, un "aspecto clave para promover a participación, a vida independente e o envellecemento activo deste colectivo".
Así mesmo, con este proxecto ambas as entidades pretenden fomentar o uso das novas tecnoloxías entre as persoas maiores xordas, un elemento facilitador da súa calidade de vida segundo revela o estudo "Cara á autonomía e participación das persoas maiores xordas en España", elaborado recentemente pola CNSE, Confederación Estatal de Persoas Xordas, en colaboración coa Fundación Vodafone España.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/lse3.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.fundacionvodafoneconlosmayores.com