
Esta fin de semana celebrouse en Lugo unha sesión de traballo para os 40 proxectos que concorreron nas dúas academias (Vigo e Lugo) da terceira edición de ViaGalicia. Na xuntanza, os responsables destas iniciativas emprendedoras e innovadoras tiveron ocasión de coñecerse, intercambiar información e puntos de vista e fomentar o espírito cooperativo con vistas a garantir un mellor resultado final en cadansúas achegas. Asemade, avanzaron na preparación do vindeiro Demo Day de VíaGalicia.
Na cita desta fin de semana participaron tamén Francisco Conde López, Conselleiro de Economía, e Teresa Pedrosa, a delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo. A sesión veu da man de ámbalas entidades, impulsoras tamén de VíaGalicia. Lembrar que esta actividade atópase arestora na súa terceira edición e que conta con dúas sedes de seu: a orixinal do Porto do Molle (Nigrán) e a nova de Lugo (Fundación CEL).
Volvendo á cita desta fin de semana, foi convocada pola Xunta e o Consorcio co obxectivo de acadar que todos os responsables dos proxectos se coñecesen e, tamén, contar cunha sesión de traballo conxunta para preparar o pitch ou presentación dos proxectos, que se vai realizar os vindeiros 22 e 23 de xaneiro en dous Demo Day a celebrar en cada unha das sedes de VíaGalicia. Nas xeiras de traballo destes días, os impulsores das iniciativas participantes na aceleradora galega amosaron os seus proxectos perante os membros do Comité Técnico de VíaGalicia (o Consorcio da Zona Franca, GAIN, IGAPE, Vigo Activo SCR e XES Galicia).
O conselleiro e a delegada do Estado amosaron a súa satisfacción “pola calidade” das achegas e felicitaron tanto aos emprendedores como aos titores que traballaron con eles durante estes dous meses de Academia “pola enorme evolución que tiveron a maioría das iniciativas”.
Lembrar que os 15 finalistas que sexan seleccionados despois do Demo Day pasarán ao proceso de aceleración que terá lugar no Centro de Negocios de Porto do Molle. Estes 15 finalistas poderán recibir unha contribución financeira de até 125.000 euros, dos que 75.000 serán achegados pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación e Xes Galicia e os outros 50.000 polo Consorcio a través da sociedade de capital-risco Vigo Activo. Ademais destas cantidades, que se entregarán baixo as modalidades de subvención a fondo perdido e de préstamos participativos, os finalistas terán servizos personalizados de asesoramento e un espazo gratuíto no coworking do Centro de Negocios de Porto do Molle.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/viagalicialugo.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()