
Fundación ONCE presentou, no marco da XXXIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, as edicións en galego, catalán, eúscaro e en inglés do seis títulos infantís que compoñen a colección 'Biblioteca infantil' protagonizada por nenos e nenas con discapacidade.
A presentación da colección tivo lugar no Centro Cultural Conde Duque de Madrid ante douscentos nenos e nenas que puideron gozar dun conto narrado nas distintas linguas cooficiais que hai en España, ademais de en inglés.
O acto contou coa presenza da viceconselleira de Políticas Sociais e Familia da Comunidade de Madrid, Belén Prado, acompañada pola directora de Formación, Emprego, Proxectos e Convenios de Fundación ONCE, Sabina Lobato, e o coordinador de Actividades Culturais Casa de Galicia en Madrid, Ramón Jiménez. Tamén asistiron os medallistas paralímpicos Marta Arce, Carla Casals e Enrique Floriano.
Na súa intervención, a viceconselleira agradeceu á Fundación ONCE a oportunidade de asistir a esta presentación que, segundo dixo, 'permítenos coñecer a heroes estupendos, os protagonistas dos contos que superan todas as dificultades'. 'As diferenzas enriquécennos a todos e todos temos os mesmos dereitos e oportunidades', subliñou.
Para a responsable da Fundación ONCE esta é ademais unha forma de poder chegar aos máis pequenos e de facerlles ver que 'non todos os nenos son iguais senón que todos somos diferentes, promovendo así a non discriminación e valores como a tolerancia e o respecto'.
O obxectivo deste proxecto, cuxa idea orixinal é de Concausa, é mostrar as vivencias de nenos e nenas con discapacidade a través das súas divertidas aventuras. Así, as autoras dos contos, Eva Latonda e Maru García, trasladan aos lectores aos mundos de Nacho, Aitor, Rosalía, Amador, Aurora e Silvina que nos mostran os seus desexos de ser tenistas, pilotos de aviación, espías, actores, locutores ou bailaríns.
Os títulos que se poñen a disposición do público infantil con esta iniciativa, a través da web da Fundación ONCE, son: 'Nacho pista tenista', 'Aitor aviador', 'Rosalía a espía', 'Amador Actor', 'Aurora locutora' e 'Silvina Bailarina'.
Á sección infantil da biblioteca de Fundación ONCE pódese acceder a través da seguinte ligazón: http://bibliotecainfantil.fundaciononce.es/ [2]
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/foto_familia_10.jpg
[2] http://bibliotecainfantil.fundaciononce.es/
[3] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()