
Este luns 30 de novembro vaise falar en Santiago de cousas que pode facer o noso tecido de produción tecnolóxica (centros tecnolóxicos, empresas, entidades, profesionais por conta propia) para incrementar e mellorar os coidados, a saúde e a calidade de vida dos nosos maiores. Falamos da terceira edición da Xornada Inno Active Ageing sobre envellecemento activo e vida saudable. A cita é no Edificio Roberto Novoa Santos do Hospital Universitario. En palabras dos organizadores (o Clúster Saúde de Galicia), a xuntanza servirá entre outras cousas para “estudar da clusterización empresarial como motor de desenvolvemento en investigación e empresas, contando con expertos nas diferentes materias”. Intervirán, entre outros, os responsables de NasasBiotech, NeuroAtHome e o SERGAS (este último falando de fogar dixital e eSaúde).
Máis en detalle, o obxectivo da xornada é crear un espazo de encontro entre profesionais de distintos ámbitos ligados á saúde con interese empresarial en abordar o proceso de envellecemento da poboación. Supón, engade o Clúster, “unha aposta pola identificación de oportunidades a partir da realidade demográfica en Galicia e o resto de Europa, que é o progresivo envellecemento da poboación”.
A xornada, que contará coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, estará estruturada en dúas mesas de traballo, un panel de casos de éxito e a parte final estará dedicada á presentación do ecosistema de saúde de Galicia.
Ambas as mesas plenarias de traballo estarán adicadas á Clusterización empresarial como instrumento e motor de desenvolvemento económico, a primeira delas ao caso de éxito Medicon Valley Center da rexión de Skane (Suecia) e contará coa presenza de Maria Ahrén, business development manager life science in invest de Skane. A segunda tratará sobre o Indescat, o Clúster Catalán de Deportes, do que falará o seu xerente, Xavi Esteve.
Respecto da organización da xuntanza, sinalar que o Clúster da Saúde de Galicia é unha asociación que reúne a empresas desde setembro de 2011, “co obxectivo de dinamizar o tecido empresarial galego, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma, a través da cooperación entre todas as institucións e empresas públicas e privadas relacionadas coa saúde e a sanidade”. Conta con 33 socios, entre os que se atopa un importante elenco de firmas tecnolóxico-dixitais como Coremain; Bahia Software; Balidea C&P; Biofabri; CONGALSA; CyE, Control e Estidios; Idom, EGFarma; Everis; Feiraco; Ferrovial; FEGAS; Fundación Xenómica; Galaria; Health In Code; Hewlett Packard; Indra; Hospital San Rafael; Oximesa; Pescanova Alimentación; Pharma Mar; Queres Tecnoloxías; Severiano Servizo Móbil; SIVSA; Siho; SolidQ; Plexus; Telefónica, as tres universidades galegas e dous centros tecnolóxicos: Gradiant e ANFACO.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/innoactive.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()