
As organizacións sen arela de lucro van ter novos xeitos de poder realizar campañas de captación de financiamento grazas a Facebook, que está a presentar ferramentas para este tipo de organizacións, abordando o asunto de dous xeitos diferentes, en función de que as achegas económicas queiran facerse a unha entidade, ou a unha causa.
Por unha banda Facebook ofrecerá a posibilidade de realizar colectas, ou sexa, que será posible que as entidades sen ánimo de lucro creen páxinas para campañas específicas nas que dar detalles sobre a iniciativa solidaria, facilitando a súa difusión nas redes sociais e permitindo facer dende alí achegas de fondos. Os usuarios tamén poderán animar aos seus amigos a unirse ás colectas, compartir cando participen nunha ou recibir actualizacións da organización coa que colaboran.
Pero as entidades tamén poderán recibir cartos directamente, sen que as contribucións económica sexan finalistas, de aí que poderán incluír na súa páxina de Facebook un botón para recibir doazóns. O botón de doazóns tamén poderán engadilo ás súas publicacións en Facebook, facéndoo así máis visible, xa que cada vez que alguén comparta a publicación verá o botón de realizar doazóns.
Polo momento Facebook está a probar estas funcionalidades cun reducido grupo de organizacións e veñen de crear un espazo na súa páxina web para as entidades que queiran tirar proveito desta nova plataforma tecnolóxica que facilita a recepción de contribucións económicas.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/facebook_doazons.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()