
Open Bionics creou tres modelos de próteses para nenos que nacesen sen unha man ou lla tiveron que amputar, todos eles inspirados en tres personaxes da franquía Disney: Iron Man, Elsa, de Frozen, e un Jedi da Guerra das Galaxias.
Se xa de seu contar cunha extremidade menos ten que ser duro, para un neno máis aínda pola sensación de ser diferentes que poden chegar a experimentar. Por iso, os creadores destas mans "robóticas" quixeron tentar que, a pesar de todo, se sintan un pouco mellor, coma se fosen superheroes ou tivesen poderes especiais.
O fundador da empresa en cuestión, Joel Gibbard, é o creador do proxecto de código aberto Open Hand Project, cuxa finalidade é reducir considerablemente o custo da prótese de man para que máis xente se poida permitir unha. Ademais, agora aproveitouse dun programa denominado Accelerator, o cal ofrece recursos creativos e financiamento a empresas novas, incluíndo nos primeiros os recursos necesarios para utilizar a marca Disney nos proxectos sen necesidade de pagar dereitos de autor.
Con isto, durante a Disney Accelerator Demo Day, a compañía presentou tres próteses para nenos inspiradas en tres personaxes Disney de actualidade: unha man como a de Iron Man, outra inspirada na raíña Elsa e, por último, outra sacada directamente das películas de Star Wars.
Open Bionics afirma que "agora os nenos poden emocionarse coas súas próteses. Non van volver a facer unha aburrida terapia física, senón que van ser adestrados para ser heroes. Non é que vaian recibir simplemente dispositivos médicos, senón que van ter mans biónicas inspiradas nos seus personaxes favoritos".
Con ideas e premisas como estas conséguese que o estado de ánimo de moitos dos nenos que necesitan este tipo de aparellos mellore e iso sempre é digno de admiración.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/manos2_h.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()