
En Xapón, unha pequena startup está a desenvolver un proxecto moi interesante. Poida que a primeira ollada non pareza atractivo e mesmo pensedes que non ten moita utilidade pero en canto volo explique veredes por que un wearable capaz de advertirnos con tempo para ir ao baño pode ser un avance importante.
Probablemente todos saberedes mellor que unha máquina externa cando tedes que ir ao escusado e evitar accidentes. Parabéns, non sodes target do dispositivo de D Free xa que o obxectivo desta compañía é chegar a un público (maiormente da terceira idade) que realmente necesita un sistema para controlar o seu corpo e ir ao baño no momento exacto.
Un wearable para recuperar a dignidade
Este dispositivo colócase na tripa e grazas a ultrasons detecta a actividade no noso corpo e o estado da nosa vexiga e intestino. Segundo os seus creadores, os sinais que capta permiten anticiparse con suficiente antelación para enviar unha alerta ao móbil indicándonos o momento preciso para ir o baño.
É pequeno e lixeiro: pesa 20 gramos e mide 35 x 50 x 10,6 milímetros. Pódese axustar a frecuencia das actualizacións para que revise os datos cando nós lle indiquemos. As alertas pódense configurar para que nos avise cando nós creamos conveniente. Co móbil sincronízase como outros wearables: a través de Bluetooth LE nun radio de 20 metros.
Como diciamos, o obxectivo deste dispositivo é chegar á xente maior para evitar accidentes. Tampouco se esquecen doutros públicos como a xente con enfermidades mentais ou que, simple e sinxelamente, ten dificultades para regular os esfínteres. Se o consegue (D Free di que aínda está a puír o funcionamento) sería un avance importante na calidade de vida destas persoas e un exemplo de que a tecnoloxía wearable a día de hoxe é útil e vale para algo máis que para contar pasos.
O nome débese aos cueiros xa que D Free é unha abreviación de Diaper Free. Os cueiros para adultos son cada vez máis comúns en Xapón, un país cunha sociedade que envellece e onde o número de nacementos é pequeno. De feito, algúns analistas estiman que en 2020 a venda de cueiros para adultos superará aos modelos para nenos.
En Xapón quéreno comercializar como unha comodidade médica e non como unha ferramenta. Aínda así din que están a traballar coas administracións públicas de Saúde de cada país para que D Free funcione e se poida comercializar sen problemas. De momento non sabemos o prezo, as primeiras unidades chegarán ao mercado (a falta de cambios) na primavera de 2016.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/Dfree.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()