
A Facultade de Informática da Universidade da Coruña organiza o vindeiro día 15 de outubro unha xornada dirixida a amosar en detalle “a parte máis lúdica e educativa da informática”. Ou sexa, a programación e a robótica, dúas cuestións de gran interese para a educación dos nosos escolares, tanto dende o punto de vista creativo e formativo, como no que se refire á actividade laboral futura das nenas e nenos (que en maior ou menor medida apoiarase no uso das novas tecnoloxías).
Os actos comezarán a partir das 17:00 horas e están encamiñados a rapaces en idades escolar e “a calquera que queira iniciarse neste ámbito”. Segundo informa a FIC, amosaranse cousas como robots baseados nos módulos de Lego MindStorms (robots de iniciación) e outras construcións “máis avanzadas”, como os robots NAO desenvolvidos pola firma Aldebarán Robotics e con capacidade para escoitar, ver e falar (facultades algunhas delas visibles, precisamente, nun vídeo da propia Facultade de Informática [3]).
Volvendo á xornada, sinalar que no seu transcurso Pablo Espeso impartirá unha charla na que explicará as técnicas que se poden usar neste mundo, desde Scratch a Arduino pasando por Codeacademy ou Codecombat.
Dentro dos actos desta xornada, que se enmarca na celebración da Semana Europea da Programación, presentarase a II edición da First Lego League que terá lugar na Facultade de Informática. A primeira edición da FLL reuniu o pasado mes de febreiro a máis de 150 nenos e nenas con idades comprendidas entre os seis e os dezaseis anos no Campus de Ferrol. Organizado conxuntamente pola Escola Universitaria Politécnica, a Escola Politécnica Superior e a Facultade de Informática, a First Lego League conta cunha parte de competición de robots feitos con pezas de Lego e outra de presentación de proxectos científicos que deberán responder á pregunta de que é o que quere aprender a xente nova e como queren que se lles ensine.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/nao_familia.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.youtube.com/watch?v=caEjaDNdhMw