
Se imos falar de Glide, o primeiro é recoñecer que, a pesar do título deste post, esta aplicación non foi creada como un WhatsApp para xordos. Non era esa a idea que pasaba polo tres cabezas que xestarían o proxecto, as de Adam Korbl, Ari Roisman e Jonathan Caras. Este tres mozos israelís quixeron crear unha app que facilitase o envío de mensaxes curtas de vídeo. Pero iso si, en canto detectaron quen a estaban a utilizar, puxéronse ao choio para dar aos seus clientes xusto o que querían, para liquidar con garantías a necesidade que Glide empezara a resolver case por casualidade.
Glide permítenos ver e escoitar ás persoas coas que nos comunicamos, pero non é Skype nin Google Hangouts. É un servizo de mensaxería, pero non é WhatsApp nin Telegram. O que buscaban os seus creadores era unha forma sinxela de comunicarse cos seus amigos e seres queridos residentes en lugares afastados, unha maneira de enviarlles unha mensaxe de forma máis persoal que escribindo unhas letras e máis dinámica que usando unha foto. Foi Sarah, a moza que podes ver na imaxe sobre estas liñas, a que detectou que Glide estaba a experimentar unha enorme aceptación entre a comunidade xorda. Ela é a community manager da empresa, a que le, analiza e responde os comentarios dos usuarios da app a través das redes sociais.
Sarah fixo ver a todo o equipo a oportunidade que se lles presentaba. Xuntos decidiron modificar o rumbo inicialmente previsto para coidar dos seus seguidores máis leais. Ademais de introducir cambios na aplicación, adaptaron a súa estratexia de comunicación, non só engadindo subtítulos aos seus vídeos promocionais de YouTube senón tamén fomentando o seu uso entre outros youtubers. E mesmo máis: Sarah aprendeu lingua de signos para poder comunicarse aínda mellor cos incondicionais de Glide.
Pero, por que a comunidade xorda adora esta app? A final de contas, enviar mensaxes (de texto ou de vídeo) é unha posibilidade que xa ofrecían outros servizos. No plano estritamente técnico, Glide está preparada para consumir menos datos que os seus téoricas competidoras. E en opinión dos usuarios, esta comunicación baseada no vídeo é máis directa e próxima á súa realidade que as mensaxes de texto. Os creadores de Glide cren que non pasará moito tempo ata que tamén os usuarios non xordos pensen do mesmo xeito e queren estar preparados para ser a mellor opción chegado ese momento.
Glide está dispoñible para Android e iOS; e xa foi desenvolvida unha versión para Apple Watch. E se queres coñecela un pouco mellor antes de probala, bota unha ollada a este vídeo [3], en que a propia Sarah explica as características da aplicación. Por suposto, en lingua de signos e con subtítulos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/glideme.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://youtu.be/gwHyfGCOzGA