
Investigadores do Grupo de Telemática e Imaxe (GTI) da Universidade de Valladolid (Uva) desenvolveron un xogo baseado no sensor Kinect cuxo fin último é a realización de exercicios de equilibrio destinados á rehabilitación de pacientes que sufriron un ictus.
O proxecto, denominado EPIK (Estimulación para Promover a Independencia mediante Kinect), obtivo o accésit para entidades de interese social na pasada edición do concurso Desafío Universidade-Empresa da Xunta de Castela e León.
Este certame trata de fomentar a realización de proxectos de I+D+i conxuntos entre universidades e empresas ou outro tipo de entidades, a partir de necesidades científico-tecnolóxicas concretas identificadas desde diferentes sectores.
Neste caso, o proxecto exposto polo GTI respondeu a unha demanda tecnolóxica formulada pola Fundación Aspaym Castela e León para o desenvolvemento das TIC dirixidas á rehabilitación de lesións, segundo informan fontes da UVA.
Como detalla o investigador do GTI Mario Martínez, responsable do proxecto, o uso das novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde de diverso tipo non é novo, aínda que nos últimos anos as iniciativas neste sentido multiplicáronse grazas en boa parte ao desenvolvemento de novos sensores, como Kinect, non intrusivos (non requiren a utilización dun traxe especial sensorizado por parte do paciente) e ao alcance de calquera usuario polo seu baixo custo.
O GTI traballara, primeiro, con técnicas de Visión Artificial e, despois, con Kinect, no desenvolvemento de sistemas para a realización de exercicios psicomotrices en colaboración con Intras (Fundación Investigación e Tratamento en Saúde Mental e Servizos Sociais).
Tras varios anos de experiencia de utilización do dispositivo Kinect (desde o seu lanzamento no ano 2010), no GTI xurdiu a posibilidade de trasladar esta tecnoloxía á realización de exercicios de rehabilitación por parte doutro tipo de pacientes.
"Neste proxecto centrámonos nunha tipoloxía de pacientes moi concreta. Por unha banda, na Fundación Aspaym realizan rehabilitación moitos pacientes que sufriron un ictus e, por outro, un parámetro que se pode valorar cientificamente é o equilibrio, o que é fundamental para determinar se o noso sistema de rehabilitación é eficaz ou non", afirma Martínez, quen subliña que non se trata de substituír a rehabilitación convencional senón de crear fórmulas complementarias que acheguen un apoio extra tanto para os fisioterapeutas como para os propios pacientes.
Características do xogo
O sistema EPIK móstrase aos pacientes como un videoxogo 3D, que se basea na imitación de siluetas. Foi deseñado por un equipo multidiscipinar de investigadores do GTI e do Centro de Investigación en Discapacidade Física (CIDIF) da Fundación Aspaym Castela e León, cuxos fisioterapeutas traballaron de xeito conxunto no desenvolvemento do sistema.
O usuario sitúase fronte ao sensor Kinect, que recoñece os seus movementos, e nun televisor observa as distintas posturas que ten que adoptar.
"No xogo aparece a silueta dunha persoa nunha determinada postura. Esta silueta cada vez achégase máis e o usuario ten que colocarse da mesma forma ata que encaixe na silueta. Trátase de buscar inestabilidades para traballar o equilibrio do usuario e para iso pódese ademais incluír elementos externos que se utilizan na rehabilitación tradicional como cintas, fitballs (unha esfera de goma de gran tamaño) ou bosus (media esfera)", apunta o investigador.
Segundo Mario Martínez, o uso deste tipo de xogos (denominados xogos serios ou serious games en inglés) ten un aspecto máis aló do lúdico, xa que serven para implicar e motivar ao paciente na súa rehabilitación e á súa vez permiten recoller información válida para o terapeuta.
O sistema xera un historial do usuario coas puntuacións que obtén nos distintos xogos e ofrece ao fisioterapeuta información adicional que lle permitirá coñecer a evolución do paciente.
Por outra banda, a ferramenta foi deseñada para que o terapeuta poida planificar rapidamente unha sesión personalizada de exercicios sen a necesidade de contar con demasiados coñecementos de informática. Nun apartado especial do xogo é posible realizar unha valoración precisa e completa do rango articular do paciente en distintos movementos. Esta información utilízase durante o xogo para que a terapia deseñada polo terapeuta se personalice aínda máis para cada paciente.
Probas con pacientes
O primeiro prototipo do xogo, desenvolvido no marco da tese doutoral de Sonia Garrote Fernández, foi probado durante 14 semanas con fisioterapeutas e pacientes reais da Asociación de Ictus e Paresias ICTIA, que forma parte de Aspaym Castela e León. A pilotaxe, que concluíu a finais de xullo, mesturou exercicios de equilibrio tanto tradicionais como virtuais, e integrouse no plan de rehabilitación destes pacientes.
"Realizamos enquisas aos fisioterapeutas e cuestionarios de satisfacción aos pacientes para obter información sobre o xogo, o que permitirá extraer conclusións importantes que servirán para afinar o sistema", agrega o investigador, quen subliña que se se consegue maior financiamento poderase facer máis dinámico e a distancia (telerehabilitación). Mesmo, no futuro o xogo podería adaptarse a outro tipo de pacientes xa que se trata dun sistema "flexible".
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/Proyecto-EPIK-III.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()