
Fundación ONCE mantén durante 2015 o seu apoio a iniciativas de emprendedores con discapacidade e aprobou un total de 101 proxectos de autoemprego dentro do programa de axudas que a entidade concede cada ano nesta materia. A dotación inicial, incluída a achega realizada polo Fondo Social Europeo, ascendeu a un total de 801.650 euros.
Nesta edición, os proxectos aprobados acumulan un alto grao de innovación. Entre as iniciativas presentadas, destacan, por exemplo, unha consultoría de cartografía que emprega drons e outras tecnoloxías ou unha plataforma de poxas de produtos de moda de alta gama, entre outras.
Ademais, a entidade tamén comezou a detectar -e a aprobar- novos proxectos cun marcado carácter social, como o dunha empresa de comercialización de viños "solidarios", que pon no mercado produtos de alta gama cun re-etiquetaxe e que destina parte dos seus ingresos a accións sociais. O obxectivo do impulsor desta iniciativa, que padece esclerose lateral amiotrófica (ELA), é concienciar sobre as enfermidades neurodexenerativas.
Os 101 proxectos, postos en marcha coa axuda económica e a asesoría de Fundación ONCE, teñen á fronte a 50 homes e a 45 mulleres. Ademais, seis deles iniciaron a súa actividade como persoa xurídica, constituíndose baixo diferentes formatos societarios.
Nesta convocatoria anual de axudas, a organización atopouse con que moitos dos emprendedores, que se distribúen ao longo de 14 Comunidades Autónomas e de 34 provincias, foron parados de longa duración e contan cun nivel de estudos cada vez maior.
Finalmente, Fundación ONCE tamén apostou por numerosos proxectos empresariais cuns investimentos económicos substancialmente inferiores ás de anteriores edicións, probablemente, pola redución de custos ocasionada polo uso das novas tecnoloxías.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/autónomo-discapacidad.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()