
Que teñen en común as persoas de Manila que ven como o Papa dá misa, os manifestantes de Rusia e Hong Kong e os asistentes de festivais en Estados Unidos? Todos se apoian en FireChat, unha app que crea salas de chat hiperlocais que funcionan mesmo cando as redes móbiles están caidas mediante a conexión de móbiles que gardan unha distancia entre si que entra dentro do rango de cobertura wifi.
Unha versión mellorada de FireChat, que se lanzou o pasado mércores, podería facer que a app sexa aínda máis útil e potente. Posibilita a comunicación con outros usuarios de FireChat que se atopen máis lonxe dos 70 metros aproximadamente que alcanza un dispositivo mediante wifi. Mensaxes privadas e públicas agora poden atravesar distancias máis longas saltando entre usuarios de FireChat até chegar ao receptor, un enfoque coñecido como a topoloxía de rede de malla. As mensaxes son encriptadas mentres que son trasladadas por dispositivos intermediarios.
"Estamos a crear unha maneira completamente nova de que as redes se formen soas", afirma Christophe Daligauly, o director executivo de mercadotecnia de Open Garden, a empresa que desenvolve FireChat. "Vimos pequenos grupos de usuarios que se xuntan para formar estas redes, pero agora dispomos dun método para conectar esas illas".
A nova versión de FireChat funciona nos dispositivos Apple e os que executen o sistema operativo Android. Open Garden probouna con mensaxes offline que realizan até cinco saltos entre dispositivos para chegar ao seu destino, di Daligault. As copias dunha mensaxe nova repártense en abanico pola rede de dispositivos entrelazados en busca dun camiño para chegar ao receptor; máis tarde algoritmos de limpeza eliminan as versións que non chegaron ao receptor. Se unha mensaxe chega a un smartphone con FireChat que si dispón de acceso á rede móbil, tentará envialo por alí, como fan as apps de mensaxería tradicionais.
Os enxeñeiros de Open Garden cren que a súa app pode funcionar a unha escala moito maior, chegando a conectar mesmo a cidades enteiras se suficientes persoas teñen FireChat instalado. Como un exemplo extremo, calculan que se necesitaría dispor do 5% ou menos dos smartphones nunha cidade de poboación densa como Nova York para poder mandar mensaxes a calquera punto da cidade nuns 10 minutos.
No entanto, para ser efectivo a gran escala en caso dun terremoto e outra catástrofe natural por exemplo, FireChat primeiro terá que atopar un sitio dentro dos móbiles xunto ás outras apps de mensaxería que dependen da conexión a internet. Para utilizar FireChat offline, primeiro tes que baixala e rexistrarte cun nome de usuario único, accións que só poderás realizar mentres dispoñas dunha conexión de datos.
Open Garden afirma que FireChat sempre será gratuíta, e espera ver como organizacións humanitarias a convertan en parte dos plans de continxencia para desastres en partes do mundo con infraestruturas de comunicacións fráxiles. A empresa planea gañar diñeiro coa tecnoloxía ofrecendo axuda a empresas para construír funcións de comunicacións offline dentro dos seus produtos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/mobile port.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()