
O Fondo Multilateral de Investimentos (FOMIN) do Banco Interamericano de Desenvolvemento lanzou a terceira convocatoria de WeXchange, o principal foro latinoamericano dedicado a conectar e apoiar o desenvolvemento do emprendemento feminino na rexión.
O evento celebrarase os días 19 e 20 de novembro en Monterrey (México), durante o INCmty Festival, unhas das citas máis importantes dedicadas ao emprendemento en América Latina. WeXchange ofrece ás mulleres emprendedoras oportunidades de networking, mentoría e un encontro con inversores potenciais. Nesta terceira edición celebrarase unha vez máis o Pitch Competition, un desafío organizado pola aceleradora de negocios Nxtp.Labs para recoñecer e premiar ás emprendedoras máis innovadoras e dinámicas de América Latina e O Caribe.
Poden participar no Pitch Competition emprendedoras que sexan fundadoras ou cofundadoras de empresas altamente innovadoras da rexión, segundo sinalan desde RedEmprendia. A organización seleccionará seis finalistas que presentarán as súas compañías mediante un 'pitch' ante un grupo de xuíces independentes en México durante WeXchange 2015. O prazo de inscrición está aberto até o 15 de setembro e pode realizarse de maneira online.
A gañadora do Pitch Competition en 2014 foi a co-fundadora de Soko Text, Carolina Medina, de Colombia. Trátase dunha app que aproveita a tecnoloxía móbil para mellorar a distribución de alimentos frescos en barrios marxinais, a través de grupos de compra que agregan a demanda dos pequenos tendeiros e permiten facer pedidos colectivos a prezos almacenistas. O sistema de Soko Text permite reducir custos tanto na cadea de distribución como no prezo final para os consumidores.
WeXchange forma parte do movemento 'Demand Solutions: Ideas for Improving Lives', patrocinado polo Banco Interamericano de Desenvolvemento, para promover a innovación, a creatividade e o espírito emprendedor como unha ferramenta para o desenvolvemento dos pobos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/wexchange.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()