
Fanse todo tipo de servizos dixitais para (supostamente) facilitarnos a viaxe a todas e todos, pero de verdade os hai para todas e todos? Segundo as emprendedoras responsables da aplicación 00limits, a resposta é negativa. De aí que se puxeran mans á obra para lanzar a que cualifican como “a primeira ferramenta para móbiles que fai máis doadas as vacacións e o tempo de lecer das persoas con diversidades funcionais”. A súa proposta, premiada no programa Startup Madrid 10, está a día de hoxe en fase de perfeccionamento, pero as liñas fundamentais están máis que claras (e usábles xa) para o obxectivo final: que os devanditos colectivos de usuarios conten cun completo directorio relacionado co lecer turístico do territorio estatal.
Así, na aplicación aparece información coa oferta dispoñible a condición de que os recintos hostaleiros e lugares de ocio e descanso (hoteis, restaurantes, sitios de interese, aparcamentos, praias...) cumpran cos requisitos estipulados de accesibilidade. A ferramenta abrangue igualmente outros lugares non relacionados exclusivamente co lecer, como farmacias, bancos, supermercados... Asemade, é posible facer reservas dende a mesma plataforma. Esta, por certo, pode ser usada por calquera persoa, teña as características funcionais que teña. Ademais, é de balde e achégase en versión beta a través de Google Play (para Android) e, en datas vindeiras, tamén para iOS.
Segundo fan saber as mozas responsables do seu desenvolvemento (Claudia, Juana e Adela, naturais da illa de Fuerteventura), trátase dun servizo “moi intuitivo”. A través de 00Limitis, din, “o usuario pasa a ser propietario dun lugar accesible, converténdose en partícipe dentro dunha comunidade viva, onde poder expresar a súa opinión e compartir a súa experiencia e tamén recomendar sitios novos, que tras ser verificados polo equipo de 00limits, introduciranse no seu directorio”.
Como dixemos, a aplicación a cubrir un baleiro importante de usabilidade para unha chea de colectivos. “Até a aparición da nosa app”, sinalan, “a persoa en cuestión tiña que procurar información actualizada de sitios accesibles e moitas veces isto víñase traducindo en buscas tediosas por Internet onde en último termo nin sequera era quen de decatarse se o lugar achado correspondíase cas referencias atopadas en liña”. Ou sexa, que había moita información pendente de ser actualizada ou moi difícil de atopar, circunstancia que se traducía en “insatisfacción para o usuario”, explican.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/00limits.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()