
Logo dos éxitos da primeira edición e con vistas a seguir aproveitando o inxente potencial emprendedor dos nosos profesionais TIC, a operadora Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) veñen de comunicar a posta en marcha da segunda andaina de Galicia Open Future, centro de emprendemento tecnolóxico-dixital emprazado na Cidade da Cultura en Santiago que na súa primeira entrega impulsou proxectos tan salientábeis como Monet Tecnología e Innovación, Situm Technologies e Appentra Solutions (as startup gañadoras do I Galicia Open Future). Agora, Telefónica e a axencia autonómica que dirixe Mar Pereira xa abriron o prazo de inscrición para participar na segunda experiencia GOF. O número de proxectos que poderán tirar proveito desta palestra de emprendemento é de 50. Galicia Open Future achégalles a posibilidade de evolucionar a súa idea co obxectivo de impulsar a xeración de riqueza e o emprego en Galicia.
As empresas e profesionais interesados en formar parte de Galicia Open Future poden presentar as súas candidaturas até o 15 de xullo, cumprimentando o formulario de inscrición habilitado na web galicia.openfuture.org. No mes de agosto, e unha vez rematada a preselección inicial, daranse a coñecer os nomes dos 50 proxectos elixidos para formar parte desta segunda convocatoria.
O programa, no que Telefónica inviste anualmente preto dun millón de euros, ten unha duración inicial de seis meses -prorrogables en períodos de 3 meses-, durante a cal os emprendedores reciben formación e adestramento especializado, adaptado ás súas diferentes fases de maduración (idea, semente, prototipo, piloto ou lanzamento) e relacionado co seu modelo de negocio.
A través do Programa de Incentivos da Xunta, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) achega unha axuda de 2.000 euros a cada un dos proxectos seleccionados, e a través da plataforma web openfuture.org, poden entrar en contacto tamén con emprendedores de todo o mundo involucrados no programa de innovación aberta Open Future de Telefónica (no que se integra Galicia Open Future). O obxectivo desta plataforma, informan a operadora e AMTEGA, “é conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas a nivel mundial”.
Superada a primeira fase de formación, e unha vez evolucionados xa os proxectos, un xurado de expertos seleccionará aos tres mellores en función da súa achega aos sectores estratéxicos de Galicia, a súa innovación, o potencial de mercado, o grao de maduración e a súa viabilidade, ademais da súa composición multidisciplinaria, a súa motivación e o uso de tecnoloxía diferencial. Recibirán unha achega, nese caso, de ata 25.000 euros da Axencia Galega de Innovación, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Poderán acceder tamén a un préstamo reembolsable concedido por XesGalicia por un valor máximo doutros 25.000 euros.
Respecto da experiencia de apertura e as cifras acadadas, sinalar que máis de 130 proxectos de toda Galicia concorreron á primeira convocatoria do programa. “Dos 50 seleccionados”, informa AMTEGA, “a maioría experimentou unha forte consolidación e foi quen de abrir novas oportunidades de negocio, entrando en contacto con novos investidores e clientes (Telefónica, Sergas…) e accedendo, algúns, a outros programas de aceleración”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/galiciaopenfuture.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()