
Hoxe quixemos facer unha entrevista diferente e achegarnos á Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos para falar con Charo, a súa coordinadora. A asociación é colaboradora do Programa de Voluntariado Dixital.
Fálanos da asociación. Como xorde? Con que colectivos traballades e que servizos ofrecedes?
A colaboración con Voluntariado Dixital faise a través das dúas entidades que representamos: A Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos e o Club San Francisco Teo.
A Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos é unha entidade que naceu no 1992 que se centra na animación sociocultural e na intervención sociocomunitaria, ofertando diversas actividades e servizos dende os 0 ata os 90 anos. Dende a súa creación, a Asociación intenta ofrecer un espazo e un proxecto co que cada un dos cidadáns se sintan identificados. Destacando sempre a súa maior aposta que é ofertar a posibilidade de facer realidade unha conciliación familiar, laboral e persoal. A súa maior labor esta dirixida á infancia, xuventude e á xente maior.
O Club San Francisco Teo é outra das entidades que tamén colaboran con Voluntariado Dixital. Xorde no ano 2000 e segue o lema de “Unha alternativa á rúa”, unha metodoloxía de traballo baseada nos valores, como piar fundamental de toda práctica deportiva. Todas as modalidades deportivas: Karate, Fútbol Sala, Judo, Fútbol Americano e Xadrez, teñen como finalidade proporcionarlles aos e ás deportistas a formación necesaria que lles permita medrar como persoas.
A nosa traxectoria é mostra do traballo constante e o esforzo como comezo do camiño a percorrer para a consecución dos méritos obtidos (chegando a competir a nivel nacional e internacional). Concibindo sempre a competición como un espazo de formación e aprendizaxe, onde pór en práctica os valores adquiridos e non como un medio de determinar vencedores e vencidos.
Dende cando colaborades co Programa de Voluntariado Dixital e que actuacións desenvolvestes neste caso?
Colaboramos co Programa de Voluntariado Dixital dende o ano 2012. Nestos tres anos, contamos con voluntarios que desenvolveron diferentes iniciativas no eido das novas tecnoloxías: elaboración dun blog para o Club dos Maiores, onde os protagonistas eran os propios maiores, Alfabetización Dixital para persoas maiores levada a cabo por un igual (unha persoa maior de 65 anos), maquetación e deseño dunha publicación centrada “Na nosa historia”. Pero debemos destacar a colaboración especial de José Luís Varela Martínez, o noso guía e maior apoio na elaboración da nosa nova páxina web: www.arcostilos.org [3].
Como valorades e que vos aportou VolDIX?
Moi positivamente. Poñernos en contacto con voluntarios/as que queren compartir os seus coñecementos, así como o seu tempo, é moi enriquecedor para a entidade, especialmente pola unión entre voluntariado e novas tecnoloxías, posto que consideramos que é unha área onde realmente existen moitas necesidades por parte da cidadanía en xeral. Debemos destacar tamén a gran oferta formativa á que todas as entidades inscritas temos acceso. Para nós é fundamental coñecer as experiencias que se realizan noutros centros, os avances en materia de novas tecnoloxías, así como o apoio real de todo o equipo ante calquera necesidade puntual nesta materia.
Como continúa a tarea de fomentar o uso das TIC na vosa contorna?
O fomento das novas tecnoloxías é unha tarefa complicada con certos colectivos tales como as persoas maiores pero a nosa labor, é xustamente aproveitar todos os medios que o programa de Voluntariado Dixital nos ofrece. Neste sentido, contamos cun traballo semanal en torno á elaboración e mantemento do blog do Club dos Maiores, a elaboración das publicacións dixitais, e por suposto, a nosa nova páxina web: www. arcostilos.org, onde hai un traballo colaborativo de fondo, que aúna unha vez máis a solidariedade e as novas tecnoloxías.
Fálanos dalgún dos proxectos nos que esteades a traballar.
Actualmente, estamos levando a cabo un proxecto innovador: “Informática Interxeracional”, onde aunamos o coñecemento dos máis novos coa experiencia das persoas maiores. É un proxecto a través do cal os máis cativos achegan as novas tecnoloxías ós máis maiores e, ao mesmo tempo, os maiores transmiten o seu coñecemento con respecto ás diferentes temáticas traballadas durante a sesión. Ambas as dúas partes se enriquecen a todos os nives; é un recoñecemento do que todos podemos aportar e unha gran satisfacción ó facelo.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/OsTilos.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.arcostilos.org