
Existen redes sociais moi especializadas e hai algunhas delas dedicadas a promover a solidariedade e os cambios na sociedade, como Instant Karma, unha rede para promover o voluntariado. Hoxe queremos falarvos dunha nova iniciativa, Lukkin, unha rede social polo ben común.
O seu creador, Daniel Atik, un emprendedor español que reside en Viña do Mar, Chile, está convencido de que as redes sociais poden utilizarse para moito máis que divertirnos. E niso estamos de acordo, pois cremos que poden ser unha ferramenta para lograr cambios positivos na sociedade.
Lukkin é un espazo que conecta ás persoas ao redor de causas comúns co obxectivo de inspirar un cambio impulsado pola colaboración. Ao darte de alta nesta rede, terás o teu propio espazo para contar as túas ideas e iniciativas e así involucrar a máis persoas que estean dispostas a traballar por un cambio.
Ao entrar en Lukkin verás que podes compartir diferentes tipos de contido; con todo, por agora, só poderás contar historias sobre as túas ideas para un mundo mellor, ou simplemente algunha anécdota que inspire aos demais.
Deica pouco Lukkin terá activas novas opcións como a creación de Desafíos. Alí poderás convidar a outros a participar en iniciativas e boas accións. Tamén estará dispoñible a opción de Financiamento colectivo na que poderás difundir o teu proxecto e buscar o apoio necesario para facelo realidade.
Outras opcións que serán incorporadas proximamente enfócanse en eventos, causas e proxectos persoais dos usuarios.
Outra característica interesante de Lukkin é que está a desenvolver ferramentas para que fundacións, empresas e ONG melloren a súa xestión, e visualicen o seu impacto a nivel social, ambiental e económico.
Aínda que Lukkin está a dar os seus primeiros pasos é unha ferramenta moi prometedora que cremos poderá impulsar bos proxectos e grandes ideas de cambio social.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/Lukkin-300x232.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()