
A empresa guipuscoana obtivo este galardón polo seu carácter innovador e emprendedor no ámbito da tecnoloxía e a accesibilidade, ao proporcionar un produto de apoio para persoas con grandes discapacidades. Isto é, polo desenvolvemento dun sistema de visión artificial baseado en técnicas de "Eye Tracking" -seguimento de ollos- que permite aos usuarios de computadores e outras tecnoloxías substituír o uso do rato polo movemento dos ollos.
O produto está especialmente dirixido a persoas con mobilidade reducida, e segundo sinalaron desde a empresa, o seu custo é moito menor que os sistemas existentes no mercado. Ademais desta utilidade no ámbito da discapacidade, tamén se pode integrar en procesos industriais, médicos, etc; nos que os profesionais teñen as mans ocupadas e/ou esterilizadas.
Pola súa banda, B&J Adaptacións obtivo o galardón pola súa longa traxectoria na loita pola autonomía persoal comercializando case 1.000 referencias de solucións tecnolóxicas para a accesibilidade.
O premio foi convocado coa finalidade de recompensar proxectos no campo da accesibilidade de Tecnoloxías da Información e a Comunicación para as persoas con discapacidade, apoiando a igualdade de oportunidades e a inclusión tecnolóxica.
Traxectoria
Irisbond naceu en xullo de 2013, e conta con Vicomtech-IK4 como socio tecnolóxico, un referente na investigación en computer graphics e visual computing. Ese mesmo ano sacaron "Irisbond Primma", o sistema premiado que permite o control do computador co movemento dos ollos.
O ano pasado, e grazas a estes avances, recibiron o Premio Emprendedor XXI no País Vasco na fase autonómica e o "Accésit ao impacto social" na fase final. Ademais, neste 2015 alzáronse co "Reto Ability", unha nova categoría dos Telefonica Ability Awards que premia a innovación tecnolóxica para a inclusión social no ámbito da discapacidade.
Como sinalou Eduardo Jáuregui, fundador e CEO de Irisbond, "estamos moi agradecidos e satisfeitos por un triplo motivo: a importancia da entidade que o outorga, a calidade e amplitude do seu xurado e porque apoia ás empresas que apostan pola innovación tecnolóxica posta ao servizo do mundo da discapacidade".
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/306_LLNP_irisbond.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()