
Telefónica e SARquavitae lanzan "Te Acompaña", un servizo de teleasistencia móbil pensado para ofrecer atención profesional ás persoas con algún tipo de dependencia, discapacidade, ou situación de risco, que a partir de agora poden contar coa axuda necesaria en calquera momento, tanto dentro como fóra dos seus domicilios sen ter que renunciar á súa independencia, achegándolles confianza, tranquilidade e mobilidade a eles e aos seus familiares.
"Te Acompaña" nace froito da alianza estratéxica asinada entre as dúas entidades; unha unión que combina a experiencia de SARquavitae no sector sociosanitario e as capacidades de Telefónica para o desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas globais orientadas á atención social e sanitaria. O acordo pretende transformar este mercado e revolucionar a prestación deste tipo de servizos da man da tecnoloxía móbil.
En España hai 3,9 millóns de persoas con algunha discapacidade, 8 millóns de maiores de 65 anos, dos que case 6 millóns teñen algunha dependencia -leve, severa ou moi severa-. A isto súmase o que o 92% dos maiores que viven sós queren permanecer nas súas propias casas e os sistemas de atención social públicos non poden asumir os grandes gastos en sistemas de atención ou coidados.
Por iso a tecnoloxía está a converterse nun axente máis aló da monitorización ou o rexistro. Estes datos, xunto ao incremento dos dispositivos con GPS e os beneficios comprobados da teleasistencia, converten a modalidade móbil nun novo e potente medio para lograr unha vida máis independente para aqueles que necesitan algún tipo de axuda. A teleasistencia móbil ten un claro valor diferencial respecto da tradicional e é que é ubicua; máis social e activa; máis eficiente, máis preventiva e abarca novos segmentos de poboación.
"Te Acompaña" incorpora un sistema de comunicación integral que dota ao usuario dun sinxelo terminal móbil provisto dunha SIM Movistar, no que eles ou os seus familiares e/ou coidadores poden configurar as alarmas que consideren oportunas - botón de pánico, caídas, abandono de zonas seguras, batería baixa..-. O dispositivo envía automaticamente estas alarmas ao Centro de Atención 24×7, xestionado por SARquavitae e atendido por profesionais sociais e sanitarios, que reciben e dan resposta inmediata pondo en marcha o protocolo: protección e asistencia telefónica, chamada ao familiar ou coidador definido na configuración e aviso aos servizos de emerxencia.
O servizo de teleasistencia complétase cun portal web que actúa de interfaz seguro, flexible e fácil de manexar, para que os familiares ou coidadores do asistido poidan, ademais de configurar as alarmas e os contactos, localizar en cada momento ao usuario. E é que o servizo fai seguimento por xeolocalización deste se o seu familiar ou coidador de referencia o solicita. O sistema permite que un usuario poida ser controlado por un ou varios familiares ou coidadores, podéndose incorporar ou suprimir algún deles cando se desexe. Todas as comunicacións deste proceso - voz, datos, SMS, localización por GPS e cela- están avaladas e operadas por Telefónica, que achega a plataforma e as súas redes para que "Te Acompaña" se apoie nun servizo completo integrado.
O dispositivo contempla dous tipos de chamadas en momentos de risco: chamadas reactivas - realizadas polo dispositivo móbil cando hai algunha situación de emerxencia que precise a intervención dos profesionais do Centro de Atención- e chamadas proactivas - efectuadas polo menos dúas veces ao mes polo Centro de Atención para interesarse polo estado do usuario-.
Este sistema de asistencia móbil non só é útil para persoas maiores ou con algunha discapacidade senón que pode aplicarse tamén en nenos, adolescentes, coidadores informais e profesionais, traballadores en solitario, persoas en zonas rurais, deportistas -alpinistas, senderistas, ciclistas de montaña, esquiadores de fondo... - e mulleres afectadas por violencia de xénero. "Te Acompaña" vén a cubrir as diferentes necesidades de cada un destes usuarios, mellorando a súa calidade de vida e dándolles seguridade e confianza.
A contratación do novo servizo ten un prezo de 23,75 euros ao mes (IVE incluído) sen ningún tipo de compromiso de permanencia e inclúe a atención as 24 horas do día e os sete días da semana por parte dos traballadores sociais titulados do Contact Center que recibe e dá resposta ás alarmas xeradas por dispositivo móbil, ben automaticamente, ben polo propio usuario (botón pánico, zonas seguras, batería baixa, caídas); a triaxe e seguimento de protocolos de actuación individualizados; o soporte técnico e a xestión de avarías e incidencias técnicas; unha axenda do usuario final cun mínimo dun seguimento quincenal; e o consello social así como a atención procurada por un coidador virtual.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/news-tam-presentacion.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()